A sección terceira da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) estimou en parte o recurso interposto pola concesionaria do transporte urbano de Vigo, Vitrasa, contra a sentenza do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 de Vigo de xaneiro de 2023 relativa á revisión das tarifas dos exercicios 2021 e 2022 do contrato de transporte urbano colectivo de viaxeiros.
Esta primeira sentenza, á súa vez, estimaba tamén en parte o recurso interposto ao acordo da xunta de goberno local do Concello de abril de 2022, que revisaba as tarifas.
Os maxistrados do TSXG revogaron a resolución de primeira instancia no que concierne á negativa de revisar a tarifa do ano 2021, polo que condenou á entidad local a calcular esa tarifa “con arranxo á fórmula prevista” no contrato vixente, con datos do período comprendido entre o 1 de outubro de 2019 e o 30 de setembro de 2020 para todos os factores aí previstos, como o combustible, “a excepción do número de viaxeiros, para o que se terá en conta o que vai desde o 1 de outubro de 2018 ao 30 de setembro de 2019 (debido á caída dos usuarios na pandemia)”.
A partir de aí, o Concello terá que pagar a suma resultante dese cálculo, cos seus debidos intereses, debido ao tempo transcorrido. A Sala explica que a ausencia da revisión do ano 2021 tivo a súa xustificación no feito extraordinario producido durante da pandemia da Covid-19, “o que alterou de forma substancial a fórmula, metodoloxía e resultados para facer o cálculo do número de viaxeiros, de cuxas resultas dispúxose que, para o ano 2021, seguirían vixentes as tarifas do ano 2019”.
Ademais, os maxistrados do alto tribunal galego indican que o xuíz de instancia acolleu a pretensión de que se incrementase a tarifa do ano 2022 por encima da calculada naquel acordo municipal, pero negou que procedese a revisión da do ano anterior.
Con todo, o TSXG non comparte ese criterio, pois asegura que “a non dispoñibilidade dun factor directamente asociado á incidencia negativa que produciu a situación de crise sanitaria ocasionada pola Covid-19, como o era o número de viaxeiros, non impedía ter en conta o resto dos factores a que se refería a cláusula 62 do prego reitor que eran por completo alleos a esa pandemia, como era o caso da man de obra, o combustible, os materiais e instalacións ou o índice de prezos ao consumo”.
De acordo con iso, a Sala comparte “que para determinar o número de viaxeiros acudísese aos datos do ano anterior (enténdese desde o 1 de outubro de 2018 ao 30 de setembro de 2019)”, pero non comparte “que non se considerasen o resto dos factores a que esa cláusula se refería”. Por iso, estimou en parte o recurso de Vitrasa e condenou ao Concello a revisar a tarifa. A sentenza non é firme, pois cabe interpor recurso de casación contra a mesma.
CRÍTICAS POLÍTICAS
Tras a publicación desta sentenza non tardaron en chegar críticas políticas por parte do PP de Vigo. En concreto, o concelleiro Miguel Martín lamentou que o goberno de Abel Caballero está “perdido” tras máis de tres anos de conflito en Vitrasa e quen sofren as consecuencias son, segundo el, os traballadores e os cidadáns, que día reciben “un peor servizo”.
Así, nun audio difundido aos medios de comunicación, pediu ao alcalde que aclare se vai recorrer a sentenza e como vai afectar a mesma ao suposto reequilibro económico que prepara o Concello para Vitrasa, que anunciou Caballero en novembro “e do que nada se sabe”, pondo o foco na “opacidade” do goberno local, a pesar das peticións de información que chegaron mesmo da Valedora do Pobo.