O persoal da residencia pública de maiores de Bembrive, en Vigo, cuxa xestión realiza unha empresa privada, denunciou defiencias no centro, falta de persoal e problemas de organización, que impiden ao persoal dar a atención adecuada aos 150 usuarios.
As traballadoras da residencia sinalaron que o principal problema que teñen é a falta de organización por parte da empresa encargada da xestión, o que repercute na asistencia que se dá aos maiores. Como exemplo, explicaron que os usuarios pasan “horas” en corredores antes de acceder ao comedor ou a outras estancias, ou que teñen que esperar a ser atendidos para que se lles poña a roupa adecuada.
Tamén lamentaron a falta de persoal, un problema que se agrava polas noites, cando quedan na residencia unha enfermeira ou enfermeiro e tres xerocultores para atender a todos os usuarios. Tendo en conta que moitos dos timbres de aviso das habitacións non funcionan, “pode ocorrer algo e que o persoal estea a facer a rolda noutra á do edificio, e non se decate”.
A esta situación engádese que “as racións de comida son cada vez máis escasas” e que se eliminaron dietas específicas, por exemplo, a dieta para persoas con problemas de masticación, explicou Iria Estévez, de CC.OO., quen asegurou que a Consellería de Política Social é “coñecedora da situación”.
INSPECCIÓN “ACTUANDO”
Cuestionado acerca destas denuncias na rolda de prensa posterior ao Consello, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, recoñeceu que desconce a situación concreta desa residencia, pero expresou o seu convencemento de que os servizos de Inspección de Política Social “están a actuar”.
En todo caso, matizou unha denuncia concreta non debe “embazar” o bo nivel e atención que se ofrece nas residencias de maiores de Galicia.