InicioPolítica18F.- Marta Lois propón en Vigo descentralizar a atención sanitaria en Centros...

18F.- Marta Lois propón en Vigo descentralizar a atención sanitaria en Centros de Alta Resolución

A candidata á Xunta de Sumar sinalou que este aumento é para destinar máis recursos a atender as necesidades da poboación, "non para aumentar o gasto farmacéutico ou para a xestión privada".

PUBLICADO O

- Advertisement -

A candidata de Sumar Galicia á presidencia da Xunta, Marta Lois, propuxo este mércores incrementar o orzamento para sanidade pública nun 25 % e descentralizar a atención coa construción dos chamados Centros de Alta Resolución, espazos intermedios entre os centros de saúde e os grandes hospitais de referencia, que poidan atender as necesidades dos galegos nos ámbitos sanitarios máis demandados.

Así o trasladou, en declaracións aos medios, antes de manter en Vigo unha reunión con representantes da Plataforma SOS Sanidade Pública, na que tamén participou a cabeza de lista por Pontevedra, Ramón Sarmiento.

Tras manifestar o apoio de Sumar á manifestación en defensa da sanidade pública do próximo 4 de febreiro, Marta Lois explicou que a proposta desta formación para a sanidade pública pasa por un incremento orzamentario do 25 %, para destinar máis recursos a atender as necesidades da poboación, “non para aumentar o gasto farmacéutico ou para a xestión privada”.

Por outra banda, expuxo a necesidade dun “cambio de paradigma” na atención sanitaria, e propuxo a construción de Centros de Alta Resolución en Galicia. Trataríase de espazos intermedios entre os centros de Atención Primaria e os grandes hospitais de referencia, onde os cidadáns puidesen acudir para recibir atención nos ámbitos de saúde máis demandados, como uns “hospitais sen camas”, pero con funcións neses servizos sanitarios básicos.

Marta Lois tamén expuxo a posta en marcha dun plan “de impacto” integral para reducir as listas de espera e para garantir a atención en 48 horas, ou en 24 horas se se trata dunha urxencia.

Finalmente, propuxo medidas para garantir máis médicos, pediatras, persoal de enfermaría e unha aposta máis decidida por especialidades como a ginecología, tras denunciar que, excepto en casos de enfermidade grave ou maternidade, as mulleres galegas “non teñen dereito” a atención xinecolóxica adecuada.

Tanto Marta Lois como Ramón Sarmiento incidiron en que a situación da sanidade pública galega é resultado de anos de “abandono” e “deixamento” por parte da Xunta do PP. No caso de Vigo, Sarmiento destacou que é a única área sanitaria que non conta cun hospital público de referencia, senón que parte da poboación está asignada a un centro privado (Povisa) e o resto a un hospital (o Álvaro Cunqueiro) que é “propiedade de fondos de investimento”.

SOS SANIDADE PÚBLICA

Pola súa banda, o portavoz de SOS Sanidade Pública, Manuel Martín, sinalou que a manifestación do 4 de febreiro será unha vía para que a poboación galega mostre o seu desacordo e “frustración” pola xestión da sanidade que fai a Xunta, centrada no “desmantelamento da Atención Primaria”. “Podemos dicir sen esaxerar que está en coma, a poboación ten un serio problema para acceder aos médicos e médicas, e ao persoal de enfermaría nos centros de saúde”, advertiu.

Por outra banda, engadiu que “outro problema gravísimo” son as listas de espera, “absolutamente maquilladas e falsificadas” pola administración autonómica.

ÚLTIMAS

Hosteleiro libanés de Vigo expulsa un grupo de turistas israelís por mal comportamento no seu restaurante

Un hosteleiro libanés que rexenta un restaurante en Vigo expulsou a un grupo de...

Vigo anuncia que inicia os trámites para unha ordenanza sobre vivendas de uso turístico

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que o Concello iniciou a tramitación dunha...

OPINIÓN.- Unha cidade para quen a fixo grande

O Partido Popular de Vigo vén de propoñer que a antiga estación de autobuses...

Stellantis fai a última porposta para pagar a prima variable cun novo marco regulador

A dirección de Stellantis Vigo trasladou este xoves a sindicatos a súa última proposta...