InicioVigo e contornaVigoAdmitido a trámite o recurso da promotora de Guns N' Roses polo...

Admitido a trámite o recurso da promotora de Guns N’ Roses polo patrocinio errado do concerto

O goberno local explicou que o que se enviou á promotora fora unha "carta de interese", pero que en ningún caso podía considerarse un contrato ou un compromiso de contrato.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 de Vigo admitiu a trámite un recurso presentado pola promotora Live Nation, que se organizou o concerto de Guns N’ Roses celebrado no estadio de Balaídos en xuño pasado, contra a decisión do Concello olívico de rexeitar a súa reclamación polo patrocinio errado do evento.

En febreiro do ano pasado, anunciouse a celebración do concerto e anticipouse tamén a data de venda de entradas (en marzo); a finais de abril, o Concello publicou o prego de licitación dun patrocinio de case 2 millóns de euros para un concerto dunha banda internacional, a celebrar nunhas datas determinadas de xuño e cuns requisitos moi concretos, sen aludir en ningún momento a Guns N’ Roses.

Nesa tramitación, a mesa de contratación cuestionou a documentación presentada pola única licitante, Sweet Nocturna (asociada con Live Nation) e a principios de xuño confirmouse que o procedemento quedaba deserto, porque a documentación achegada pola promotora non se consideraba válida.

Live Nation cualificou no seu momento como “absurda” a decisión da mesa de contratación, e defendeu que a documentación presentada por eles e por Sweet Nocturna fora “válida durante 21 anos para realizar concertos deste tipo en Galicia (e no resto de España)”.

Así, anunciou que denunciaría ante os tribunais a “actuación arbitraria” do Concello de Vigo, algo que xa fixo, tras esgotar a vía administrativa municipal. Live Nation desvelou tras o concerto (que se celebrou igualmente) que tiña un “compromiso por escrito” seis meses antes de que se licitase ese concurso. Live Nation España criticou as “prácticas indebidas do Concello de Vigo” e acusou directamente o alcalde, Abel Caballero, de “incumprir un compromiso persoal coa promotora”.

Respecto diso, asegurou que o propio rexedor solicitou a finais do ano 2022 ás promotoras Live Nation e Sweet Nocturna a organización de “dous grandes concertos en Balaídos”. “Tras unha reunión en outubro, Live Nation comunicou a posibilidade de dispor dunha data da mítica banda Guns N’ Roses, tras o cal asinouse un documento de compromiso ese mesmo mes, no que se especificaba, por parte do Concello de Vigo, a contribución económica e a cesión do recinto”, recoñeceu a empresa.

O goberno local, pola súa banda, tras semanas de silencio, finalmente explicou que o que se enviou á promotora fora unha “carta de interese”, pero que en ningún caso podía considerarse un contrato ou un compromiso de contrato, pero non aclarou se existiron eses contactos previos á carta. De feito, ese é o argumento que sostivo o Concello para rexeitar as reclamacións da promotora.

“INCAPACIDADE” DE XESTIONAR GRANDES EVENTOS

O grupo municipal do PP denunciou que a “chafalleira” xestión de Abel Caballero “segue danando a imaxe da cidade”, neste caso, cun asunto que xa está xudicializado, e que ten a súa orixe nun “surrealista concurso público” de patrocinio.

Así, o concelleiro Miguel Martín constatou que este “escándalo” segue “perseguindo” ao goberno local, que agora “deberá dar explicacións detalladas” no xulgado, e lamentou que o ocorrido pon de manifesto a “incapacidade” de Caballero e o seu equipo para xestionar grandes eventos en Vigo e recuperar Balaídos como escenario musical de referencia.

“Dificilmente ningún outro grupo ‘wolrd top’, como diría o propio Caballero, quererá vir tocar a Vigo”, afirmou Miguel Martín, quen lembrou que o propio alcalde atribuíuse o mérito do concerto de Guns N Roses e “logo se desentendió completamente do asunto cando negou o diñeiro do patrocinio”.

Así mesmo, preguntou que foi dos 6 concertos anunciados polo rexedor para o estadio de Balaídos o pasado verán, “outra falsa promesa á que se suma a nova de construír un ‘Vigo Area’ que non vai ser máis que un novo brinde ao sol”.

“CHALANEO” QUE PODE “SAÍR CARO”

Mentres, o BNG alertou de que o “chalaneo” de Abel Caballero co patrocinio frustrado deste concerto “pode saírlle moi caro á cidade”, e lembrou que a polémica chega ao xulgado despois de que o rexedor non fose capaz, ata o día de hoxe, de “aclarar” que compromisos adquiriu coa promotora antes do envío desa carta de interese, documento que a propia asesoría xurídica do Concello advertiu “que podería constituír un precontrato”.

O portavoz nacionalista, Xabier Pérez Igrexas apuntou que o goberno local prometeu un patrocinio de case dous millóns de euros e logo convocou “un falso concurso público” para ese patrocinio, cunhas bases elaboradas ‘ad hoc’, que finalmente acabou declarando deserto.

“A irresponsabilidade e as prácticas escadalosamente irregulares do goberno local poden saírnos moi caras aos vigueses”, manifestou, antes de cualificar como “indecente” que, por estes feitos, non dimitise ou fose cesado ningún responsable municipal.

ÚLTIMAS

Investigan o atropelo mortal a un home de 33 anos na AP-9 en Vigo

A Garda Civil investiga o atropelo mortal a un home de 33 anos, veciño...

OPINIÓN.- A vivenda como dereito nun modelo de cultura económica neoliberal

Cando falamos de vivenda habitual, estamos facendo referencia a un dereito fundamental recollido na...

Vigo aproba o seu orzamento para 2025 cos votos a favor do PSOE e o ‘non’ de BNG e PP

O pleno do Concello de Vigo aprobou este luns o orzamento municipal para 2025, que...

Rouban 100.000 euros en xoias nun chalé de Vigo

A Policía Nacional abriu unha investigación para esclarecer un asalto a un chalé de Vigo, do que...