Representantes de servizos de Emerxencias alertaron este martes da “falta de planificación” con respecto á mobilidade e a seguridade na campaña de Nadal de Vigo e afirmaron que descoñecen os plans de tráfico e autoprotección postos en marcha polo Concello ante a previsión da chegada masiva de visitantes para gozar da iluminación e as actividades de lecer.
Así o trasladaron nunha rolda de prensa, convocada pola Asociación de Veciños Zona Centro da cidade, unha asociación que denunciou reiteradamente as molestias que sofren debido ás instalacións e actividades da campaña do Nadal, e que mesmo levaron este asunto aos tribunais.
Un portavoz do servizo de bombeiros da cidade, o sarxento David Fernández, constatou que os veciños do centro e do resto de Vigo están a sufrir as “consecuencias da falta de planificación” ante un evento, como é a campaña do Nadal, que move grandes masas de persoas. Respecto diso, sinalou que o servizo de bombeiros non ten constancia do plan de autoprotección deseñado polo Concello para estas datas, e engadiu que, de feito, o plan municipal de emerxencias data de 2007 e non foi actualizado.
Segundo explicou este funcionario, a cidade de Vigo é “un monstro” desde o punto de vista da atención ás emerxencias, polas súas dimensións, polo número de habitantes, ou pola presenza de industria e dun porto. “Xa non é só un problema do Nadal, senón de todos os días”, indicou.
Respecto diso, lembrou que o servizo de bombeiros segue baixo mínimos, e hai dous anos que se incumpre reiteradamente o mínimo de 20 efectivos que debe haber nos parques. O pasado venres, cando a cidade quedou colapsada pola masiva afluencia de visitantes (especialmente cidadáns portugueses), o servizo de bombeiros contaba unicamente con 16 efectivos, coa dificultade engadida de que os atascos de tráfico impiden dar tempos de resposta efectivos.
Na mesma liña, o vicepresidente da Asociación Galega de Técnicos de Emerxencias Sanitarias, Alfredo Castro, constatou que, durante a campaña do Nadal e nos días de maior afluencia de xente, “os tempos de resposta aumentan entre 10 e 15 minutos”, ou directamente faise imposible cubrir un servizo. Ademais, engadiu, os chamados “corredores de emerxencia” anunciados polo Concello, “non son tal, cando poden circular buses, taxis, peóns ou condutores da zona”.
Así, puxo como exemplo o ocorrido o pasado venres, cando unha ambulancia quedou bloqueada á entrada do túnel de Beiramar e “houbo que mobilizar outro recurso, que viña de Redondela”. Nestes servizos de urxencias sanitarias, lembrou, o tempo é clave, porque moitas das persoas trasladadas padecen patoloxías cuxa evolución e diagnóstico depende precisamente do tempo que se tarde en atendelos e trasladalos a un hospital.
Así mesmo, Igor Otero, do sindicato Jupol na provincia de Pontevedra, sinalou que Vigo necesita reforzar o seu persoal de policías nacionais, e que os axentes tamén ven desbordados ante eventos desta magnitude.
VECIÑOS
Pola súa banda, a presidenta da Asociación de Veciños Zona Centro, Alba Novoa, volveu a denunciar que o goberno municipal “impide” aos vigueses que viven nesta área ter “unha vida normal” durante os 2 meses de campaña do Nadal, atentando contra os seus dereitos, como o dereito á saúde, ou á inviolabilidade do domicilio.
Tras acusar o alcalde, Abel Caballero, de “mentir” por tachalos de asociación “politizada”, Alba Novoa insistiu en que o goberno local non quixo escoitar as súas demandas, e limítase a “descualificar” a esta asociación. “Pero todo ten un límite”, advertiu, e cuestionou que o Concello insista en vulnerar os seus dereitos e “pór en risco” a seguridade dos cidadáns, “por un suposto retorno económico que foi magnificado”.
Segundo recalcou, o goberno de Caballero apostou por un modelo de turismo “masificado e descontrolado”, para o que “Vigo non está preparada” e que provoca “danos irreparables” na convivencia, na saúde e mesmo no patrimonio dos vigueses, chegando a afectar os servizos de emerxencias.
“E a pesar de todo, fan chamamentos a que veña a xente, cunha total falta de responsabilidade. Se había unha planificación, desde logo non funcionou”, proclamou Novoa, en alusión ao colapso do pasado fin de semana, no que se repetiu o que ha pasou nalgunhas datas do Nadal do ano pasado. “A que esperan para tomar medidas? Ten que morrer alguén? É máis importante alimentar o seu ego persoal (do alcalde) que a vida dos vigueses?, preguntou.
A asociación veciñal esixiu ao alcalde o “cesamento immediato” da concelleira de Seguridade, Patricia Rodríguez, e do xefe desa área municipal, á vez que fixo un chamamento tamén á Xunta para que “deixe de mirar para outro lado”, á Subdelegación do Goberno para que garanta a seguridade, e á Fiscalía, para que defenda os dereitos dos cidadáns.
DENUNCIAS
O conflito destes veciños co Concello tamén tamén unha derivada xudicial, xa que a asociación presentou o ano pasado unha denuncia polos ruídos. Un xulgado de primeira instancia avalou a actuación do goberno, pero a sentenza foi recorrida tanto polos veciños como pola propia Fiscalía, que entende que se vulneraron os dereitos destes cidadáns e que “non se trata de acabar coas festas” senón de “pór límites”.
Por outra banda, a asociación tamén denunciou este ano que o mercadillo da Praza de Compostela e as atraccións da zona de Areal instaláronse cunha “autorización verbal” e que, algunhas das atraccións non ten sequera licencia de actividade.