O Xulgado do Mercantil número 2 de Pontevedra aprobou a venda de Talleres Ganomagoga a GRI Renewable Industries por 500.000 euros, supondo ademais o acordo a subrogación de 50 dos máis de 110 traballadores da firma.
Desta maneira, ponse fin ao concurso de acredores no que entrou a empresa a finais do pasado mes de marzo ante a situación financeira que vivía. Agora, pasa a mans de GRI, unha compañía dedicada á fabricación de compoñentes de eólica mariña que pertence ao grupo burgalés Gestamp, o cal tamén ten instalacións en Galicia.
A compañía, con talleres en Ponteareas (Pontevedra), formará parte agora de GRI, a cal era un dos seus principais clientes ata que, segundo denunciaron os empregados, reduciu de forma acusada os seus pedidos, abocando á empresa a unha difícil situación económica.
Esta venda, tal como recolle o auto do xulgado ao que tivo acceso Europa Press, tamén supón o fin do expediente de regulación temporal de emprego (ERTE) ao que se acollían os traballadores, que fora prorrogado polo xulgado ata xaneiro, sempre que non se producise antes a venda.
Noutro auto, o xulgado tamén aprobou a venda doutra das empresas do grupo, Ganomagoga Logistics, a Barral Bernardez, por 118.500 euros, incluíndo a subrogación de tres empregados.