Tres persoas resultaron feridas de consideración, na mañá deste sábado, tras chocar o coche que conducían, que era roubado, contra un camión durante unha persecución policial na rotonda de Beade na VG-20, en Vigo.
Así, segundo explicaron fontes policiais a Europa Press, a Policía Local de Vigo foi requirida pola Garda Civil por un vehículo que se estaba dando á fuga na AP-9 e que continuaba dirección VG-20.
Estas mesmas fontes detallaron que o motivo da fuxida era por un suposto roubo na localidade pontevedresa de Tui e, ademais, o vehículo no que circulaban, un home e dúas mulleres, figuraba como subtraído.
Nese momento, desprazáronse cara á VG-20, e tanto a Policía Local como a Policía Nacional estableceron un dispositivo para tentar pechar a súa saída. O condutor tomou a saída do Hospital Álvaro Cunqueiro, pero en lugar de dirixirse cara a Clara Campoamor dirixiuse ao Parque Tecnolóxico de Valladares.
Nesa saída, cunha curva á dereita moi pronunciada, o condutor perdeu o control do vehículo e chocou contra un camión que circulaba de forma correcta.
Segundo confirmou o 112 a Europa Press, ás 10,50 horas a Garda Civil deu a voz de alarma á central de emerxencias sobre este sinistro, indicando que parecía que as persoas non podían saír polos seus propios medios.
Con todo, pouco despois informaron que todos os ocupantes estaban fóra do vehículo e accesibles. Así, a central de emerxencias pasou información aos servizos sanitarios, ao servizo de mantemento das estradas e aos bombeiros de Vigo. O tres ocupantes foron traslados ao hospital Álvaro Cunqueiro por feridas de consideración.
