O goberno municipal de Vigo defendeu este luns a súa “impecable” xestión na licitación errada dun patrocinio para o concerto de Guns N’Roses, e atribuíu as críticas de PP e BNG ao “ideólogo” Alfonso Rueda, a quen ve detrás das propostas da oposición no pleno extraordinario celebrado precisamente nesta xornada.
A sesión extraordinaria, que estivo presidida por Abel Caballero e contou coa presenza de todos os corporativos (salvo dous edís socialistas), celebrouse a petición dos dous grupos da oposición, PP e BNG, e sometéronse varias propostas a votación nun único punto na orde do día.
Así, ‘populares’ e nacionalistas reclamaron a reprobación do rexedor olívico pola “falta de transparencia” neste polémico concurso de patrocinio, que quedou deserto, e despois das posteriores acusacións por parte da promotora do evento, asegurando que había un compromiso previo do Concello para patrocinar o concerto con case 2 millóns de euros e ceder o estadio de Balaídos.
Nas propostas de acordo dos grupos da oposición tamén se reclamaba a constitución dunha comisión especial de investigación para depurar responsabilidades políticas, e a comparecencia da concelleira de contratación, Patricia Rodríguez Calviño. Todas as propostas foron rexeitadas cos votos contrarios dos edís socialistas, e os únicos apoios de PP e BNG (17 votos fronte a 8).
O portavoz municipal do BNG, Xabier Pérez Igrexas, tras agradecer ironicamente a “xenerosa presenza” do alcalde na sesión (é habitual que o rexedor abandone os plenos no debate das mocións), subliñou que o concerto de Guns N’ Roses, que foi “anunciado polo alcalde, aínda que non era organizado polo Concello”, acabou “envolvido en graves irregularidades”.
Así, constatou que o goberno local pretendía “entregar case 2 millóns de euros” á promotora do evento, convocando un concurso público de patrocinio cuxas bases se elaboraron ‘ad hoc’ para que optase esa promotora, e facéndoo seis meses despois de remitirlle unha carta de interese na que “se comprometía” o diñeiro e a cesión do estadio, e despois dun suposto atopo entre o alcalde e os responsables da empresa.
Segundo subliñou Pérez Igrexas, os propios servizos xurídicos municipais alertaron de que esa carta podería considerarse un precontrato e, de feito, a promotora anunciou que acudiría aos tribunais despois de que o concurso de patrocinio queda deserto.
Así mesmo, o portavoz do BNG afeou ao goberno local que respondese o silencio ás peticións de información e aclaracións, tanto dos grupos políticos como dos medios de comunicación. “E aínda por riba, tentaron atrasar, cando non impedir, o acceso á documentación”, engadiu.
Tras advertir de que puido haber un delito, aínda que non consumado, de prevaricación, Xabier Pérez Igrexas criticou que o goberno municipal do PSOE “pensa que (o Concello) é a súa leira privada, e pode facer o que queira”.
“CONCURSO PÚBLICO SIMULADO”
Na mesma liña, o concelleiro do PP, Miguel Martín, sinalou que a orixe do concerto de Guns N’Roses en Vigo foi o “ataque de celos” sufrido polo alcalde cando a Xunta se apuntou o tanto de “recuperar” Balaídos para grandes eventos, coa actuación de Muse.
A partir de aí, explicou, reuniuse co promotor e o goberno local dirixiu esa carta de interese, “a pesar das advertencias da asesoría xurídica”. Despois de que Marta Fernández-Tapias desvelase “a exclusiva” do concerto, e tras varias alertas, entre elas as peticións de información por parte dun avogado da cidade, o goberno local “fixo o imposible” por deixar deserto o concurso de patrocinio.
Respecto diso, Miguel Martín criticou que o goberno local, en lugar de tramitar un concurso negociado sen publicidade, optou por facer “un concurso público simulado”, ao que só se presentou a promotora do concerto e que, finalmente, non levou os dous millóns por non darse validez a un dos documentos presentados, “que si valeu para outras ocasións”.
TRAMITACIÓN “IMPECABLE”
O encargado de responder á oposición foi o portavoz do goberno municipal, o concelleiro socialista Carlos López Font, que proclamou que a tramitación dese concurso por parte do Concello foi “impecable”.
López Font tachou de “escándalo político” a “confluencia de BNG e PP” neste pleno extraordinario, e subliñou que, nas formulacións da oposición, “só falta a firma do ideólogo, Rueda”.
Sobre o ocorrido co patrocinio e a celebración do concerto, o portavoz do goberno local limitouse a constatar que o Concello “non pagou nin un euro” para patrocinar ese evento, aínda que non se pronunciou sobre se houbo un compromiso previo entre o alcalde e a promotora.
“Estamos ante un concurso público dentro da legalidade, impecable”, subliñou, e defendeu que o goberno vigués cumpriu “desde o primeiro momento” coa entrega da documentación solicitada pola oposición, á que acusou de pretender que o Concello “pague” ese patrocinio.
López Font insistiu en que o concurso quedou deserto porque o único licitador non presentou a documentación correcta cando se lle requiriu e proclamou que o goberno vigués actúa “dentro da legalidade, non como fixo a señora Tapias co concerto de Muse”. “O goberno local quería organizar concertos de maneira propia, pero tívoo que descartar e entrou na vía do patrocinio, para facelo legalmente, non como outras administracións“, insistiu.
Finalmente, sobre a reprobación ao alcalde exposta por PP e BNG, o portavoz do goberno vigués limitouse a sinalar que foron ‘populares’ e nacionalistas os que saíron “reprobados” nas últimas eleccións municipais, con 5 e 3 concelleiros respectivamente, fronte aos 19 do PSOE.
