InicioPolíticaArquivada a causa das rozas do Porriño ao non haber indicios de...

Arquivada a causa das rozas do Porriño ao non haber indicios de delito e tras a morte da ex alcaldesa

Os socialistas esixen a dimisión do actual rexedor, que "debe pedir perdón" polo "acoso xudicial" ao anterior goberno.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O xulgado de instrución número 2 do Porriño ditou auto no que acorda o arquivo da causa aberta contra a exalcaldesa socialista desta localidade, Eva García de la Torre (falecida en xaneiro de 2022), dous concelleiros e varios empresarios e familiares, por suposta prevaricación, falsidade documental e tráfico de influencias na adxudicación duns traballos de roza, ao non estar debidamente acreditada a comisión dos delitos e tras o falecemento da ex rexidora.

A resolución, de agosto pasado, sinala que xa a Fiscalía pediu nun informe o sobresemento, e que non resultou acreditada a comisión dos delitos por parte dos investigados. Os feitos denunciados producíronse durante o mandato da socialista, entre 2015 e 2018, pola contratación, de forma verbal, dos servizos de limpeza viaria e roza, sen tramitación de expediente algún. Así, a empresa contratada limitábase a pasar facturas ao Concello (sempre menores de 18.000 euros) ata que os responsables municipais empezaron a manifestar desconformidade con esas facturas e as empresas acudiron aos xulgados. Esa forma de proceder, non entanto, mantívose e xerou informes desconformes por parte da intervención municipal, aínda que a Alcaldía levantaba os reparos e acudía aos recoñecementos extraxudiciais de crédito para pagar.

SEN INDICIOS DE DELITO

No caso de Eva García de la Torre, o xuíz sinala que non é necesario examinar a súa conduta, tendo en conta que, tras o seu falecemento, quedou extinguida a súa responsabilidade penal. Con respecto ao concelleiro Manuel Carrera, que no momento dos feitos investigados era responsable de Vías e Obras, sinala que non hai indicios de que interviñese na contratación; e sobre o que era concelleiro de Limpeza, Orlando Márquez, apunta que non se puido probar que os traballos facturados e conformados por este edil non se realizaron, e tampouco hai indicios de que “fose consciente da ilegalidade ou arbitrariedade” das decisións da alcaldesa, de levantar os reparos. En canto ao resto de investigados, a maxistrada apunta que a súa posible responsabilidade penal derivaba da actuación dos políticos, polo que “é forzoso concluír que non existen indicios” de que eses delitos se perpetrasen.

RECURSO E CRÍTICAS DO PSOE

Este auto de arquivo foi recorrido polo Concello do Porriño (gobernado polo PP) e polos concelleiros do grupo municipal ‘popular’. Ante esta decisión, o PSOE do Porriño constatou o “nerviosismo” do alcalde, Alejandro Lorenzo, a quen acusaron de promover a causa contra a anterior rexedora, pondo en dúbida a súa honorabilidade, e someténdoa a un “acoso xudicial” durante 6 anos.

Para os socialistas, o recurso é un “intento de manter viva unha estratexia política de deslexitimación e acusacións que só enturban o papel da Xustiza, cargándoa con máis causas, á vez que lles permite ocultar a súa propia mala xestión”. O PSOE lamentou que o fin deste proceso xudicial “chega tarde” para Eva García da Torre, e instaron ao actual alcalde a “pedir perdón” polo dano causado ás persoas implicadas e ao propio Concello do Porriño.

O portavoz municipal socialista, David Alonso, pediu a dimisión de Alejandro Lorenzo, porque “un alcalde debe, ante todo, asumir a súa responsabilidade ética e política en casos como este”. Ademais dos prexuízos ás persoas, incidiu, os ‘populares’ “paralizaron” os pagos do Concello e provocou que se xerase “case un millón de euros en intereses de demora”.

ÚLTIMAS

Nova polémica no Pleno de Vigo tras aprobarse un novo programa de vivendas para familias vulnerables

A Xerencia de Urbanismo de Vigo aprobou este martes unha iniciativa para pór en...

Caballero atribúe a subida do recibo de lixo á “estafa” de Sogama: “Rueda débese crer que en Vigo somos parvos”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, censurou a "caradura política" do PP por pedir...

Zona Franca e UVigo asinan o novo convenio para a Cátedra Ardán, que incrementa o orzamento ata 960.000 euros

O delegado da Zona Franca, David Regades, e o reitor da Universidade de Vigo,...

Enfróntase a 3 anos de cárcere por posesión e distribución de pornografía infantil en WhatsApp

Un veciño de Vigo sentará este mércores no banco dos acusados do xulgado do...