Axentes da Policía Local de Vigo detiveron nas últimas horas a un veciño da cidade, S.S., de 31 anos de idade, como presunto autor dun delito de violencia de xénero, tras golpear repetidamente na cara á súa parella mentres discutían no interior dun coche.
Segundo informaron fontes policiais, os feitos ocorreron pasada a medianoite do mércores, cando un veciño chamou ao 092 para alertar de que estaba a ver desde a súa xanela a unha parella discutir no interior dun coche parado na rúa Doutor Canoa.
Ata o lugar desprazouse unha dotación, que identificou a ambos. Tanto o home como a muller recoñeceron que mantiveran unha discusión pero non admitiron ningunha agresión. O home negou golpear á súa parella, a pesar de que a muller presentaba o pómulo esquerdo inchado, e ela asegurou que a ferida non fora provocada por el.
Con todo, a testemuña que alertou á Policía ratificouse na súa versión, e asegurou que non só vira a discusión, senón que observara ao home golpeando á muller repetidas veces na cara. Por estes feitos, a Policía procedeu á detención do home.
AGRESIÓN MUTUA
Por outra banda, a Policía Local tamén informou doutra intervención esa noite, cando acudiu a unha vivenda da rúa Doutor Corbal, avisada por veciños que escoitaran unha forte discusión e mesmo, a través da xanela, viran como unha muller lanzaba obxectos a un home.
Unha vez no domicilio, os axentes entrevistáronse con ambos. A muller, R.F.R., de 41 anos de idade, explicou que discutira coa súa parella por chegar tarde a casa e que se empuxaron mutuamente.
Por outra banda, o home, R.G.D., de 35 anos de idade, recoñeceu a discusión e explicou que a súa parella lle golpeou na cabeza; para defenderse, el empuxouna. O home tamén explicou aos axentes que a súa muller consome habitualmente bebidas alcohólicas e “ponse violenta”, e que xa no pasado, debido a diversas denuncias por violencia, perderan a custodia da súa filla.
No momento dos feitos, a filla menor de ambos estaba no domicilio, e manifestou aos policías que os seus pais “se agriden a diario” e que nesa ocasión golpeáronse mutuamente. Por estes feitos, procedeuse á detención do home por un suposto delito de violencia de xénero, e á muller por un suposto delito de violencia no ámbito familiar.
