InicioVigo e contornaVigoO BNG cualifica de "disparates contra a Fiscalía" as palabras de Caballero...

O BNG cualifica de “disparates contra a Fiscalía” as palabras de Caballero arredor do recurso sobre o ruído do Nadal

O portavoz municipal nacionalista, Pérez Igrexas, censurou que o alcalde cuestione a imparcialidade do Fiscal neste asunto, despois de que se adheriu ao recurso dos veciños e compartise as súas alegacións.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O BNG de Vigo acusou este xoves ao alcalde da cidade, Abel Caballero, de “manipular” acerca da sentenza sobre os ruídos causados polas actividades e atraccións do Nadal, “dando a entender que é firme” cando foi recorrida pola demandante e a Fiscalía, e afeou ao rexedor os seus “disparates” contra o Ministerio Público.

A través dun comunicado remitido aos medios, o portavoz municipal nacionalista censurou que o alcalde cuestione a imparcialidade do Fiscal neste asunto, despois de que se adheriu ao recurso dos veciños e compartise as súas alegacións.

“É un disparate inaceptable e un insulto á intelixencia das viguesas e vigueses escoitar dun exministro do Goberno español que a Fiscalía non é un organismo independente porque lle dá a razón aos veciños do centro e non ao goberno municipal“, sinalou o concelleiro do BNG.

Pérez Igrexas lembrou que as funcións da Fiscalía veñen recollidas na Constitución, e instou ao alcalde a “escoitar e dialogar de verdade” cos veciños afectados para adoptar as medidas necesarias para que o Nadal “non se volva a converter nun caos insoportable e perigoso”.

Ademais, advertiu de que o comité de Nadal creado polo goberno local “será unha bufonada inútil se non se conta coa participación dos veciños, de comerciantes de toda a cidade e de técnicos das áreas de Mobilidade e Seguridade”.

“TODO NA SÚA XUSTA MEDIDA”

Pola súa banda, o PP tamén reclamou ao goberno que faga todo o posible para evitar a “incomodidade dos veciños afectados polos atascos ou a contaminación lumínica e acústica durante a programación do Nadal”.

A portavoz municipal, Marta Fernández-Tapias apuntou que a da Fiscalía “é unha voz máis que súmase á petición de medidas correctoras como as que leva reclamando o PP desde hai anos”, e sinalou que a programación do Nadal non debe ser incompatible co dereito ao descanso dos veciños.

“Ninguén cuestiona o éxito das luces, pero todo na súa xusta medida”, afirmou, e reclamou “unha boa planificación” dos eventos para axudar a unha “convivencia máis harmónica durante os case 3 meses que duran as festas” na cidade olívica.

Así, emprazou ao comité especial de Nadal a que tome medidas para minorar os problemas acústicos pero, ademais, que “planifique ben os cortes de tráfico, os cambios de dirección e tome medidas para evitar os atascos de máis dunha hora que se chegaron a rexistrar o ano pasado”.

ÚLTIMAS

Localizan tres polisóns, dous menores, ocultos nun camión que ía embarcar cara ao Reino Unido

Axentes da Policía Nacional, da Garda Civil e da Policía Portuaria de Vigo localizaron...

Investigan o crime dun home apuñalado na antiga estación de autobuses de Vigo

A muller detida como suposta autora do homicidio dun home na antiga estación de...

Fin á folga en Radioloxía en Vigo: o Sergas acepta sumar un terceiro médico de garda

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) e radiólogos de Vigo alcanzaron este xoves un...

Morre apuñalado un home na antiga estación de bus en Vigo

Un home faleceu na tarde deste xoves en Vigo tras ser apuñalado na contorna...