O alcalde de Vigo, Abel Caballero, fixo balance este xoves do programa de concertos dese verán no Auditorio Municipal de Castrelos, que cualificou como “un éxito” e cifrou en máis de 600.000 persoas a asistencia a estas actuacións.
En declaracións remitidas aos medios, o rexedor valorou que o programa de concertos foi de “altísima calidade” e repasou o elenco de artistas e grupos que se subiron ao escenario de Castrelos desde o inicio do verán, ata as últimas horas (cando tivo lugar o concerto de Beret).
Caballero recoñeceu que “é moi complicado calcular” o número de asistentes aos ‘shows’, pero asegurou que estivo “por encima dos 600.000”. Segundo engadiu, o goberno municipal traballa xa na programación para o verán próximo que, do mesmo xeito que este ano, “será o mellor”.
Polo auditorio municipal pasaron, desde o 8 de xullo, Andrés Calamaro, David Bisbal, Pablo López, Alejandro Sanz, a Coral Casabranca, Bad Gyal, Ana Mena, David Guetta (cunha asistencia de máis de 120.000 persoas, segundo o alcalde) e Beret, ademais de 5 espectáculos para público infantil.
