A Audiencia Provincial de Pontevedra confirmou como abusivos os gastos dunha hipoteca asinada para un piso en Vigo en 1998, hai 25 anos, e ordenou a devolución de 921 euros –entón, foron 153.242 pesetas–.
Os maxistrados, nun fallo ditado o 7 de xuño de 2023, confirmaron unha sentenza previa de decembro de 2021, na que o Xulgado de Primeira Instancia número 14 de Vigo declaraba nula a cláusula dos gastos a cargo do prestatario da hipoteca.
En xaneiro de 1998, o demandante asinou unha hipoteca co Banco Pastor –agora, o Santander– cun préstamo de 11,4 millóns de pesetas a devolver en 20 anos. Entón, pagou tamén 153.242 pesetas (921 euros) por honorarios notariais, o arancel rexistral e o imposto sobre actos xurídicos documentados.
En 2017, dous anos despois da doutrina sentada polo Tribunal Supremo sobre as cláusulas hipotecarias abusivas, o cliente enviou unha carta ao Santander para reclamar a contía, pero o servizo de atención ao cliente rexeitouno porque transcorreran xa “máis de seis anos desde a produción dos feitos sen oposición algunha”.
En 2020, decidiu acudir ao Xulgado de Primeira Instancia para solicitar a contía, máis outros 302 euros polo 50 por cento dos dereitos notariais e o arancel rexistral, máis intereses. O xuíz deulle a razón e ordenou ao banco a pagar as costas.
No entanto, o Santander presentou recurso por entender que “concorren serias dúbidas de dereito” non só cos efectos da nulidade por cláusulas abusivas, senón tamén porque xa transcorreran os prazos para realizar a reclamación.
Con todo, os maxistrados da Audiencia Provincial lémbranlle que “as consecuencias derivadas da declaración de nulidade, aínda que a doutrina non é unánime, a xurisprudencia (do Supremo) inclínase por limitar a imprescriptibilidade á declaración de nulidade”.