InicioEconomíaPor fin se renovará a pista de Peinador, que pechará 25 días...

Por fin se renovará a pista de Peinador, que pechará 25 días en maio de 2024

Apareceran diversas fochancas nela que obrigaron a cancelar voos, o último en marzo deste ano.

PUBLICADO O

- Advertisement -

Aena licita por case 30 millóns de euros a renovación da pista de Peinador e as actuacións asociadas á mesma, polo que o aeroporto de Vigo permanecerá pechado durante 25 días en maio do ano que vén.

Tal como informou a sociedade estatal que xestiona o aeroporto, a obra suporá a rexeneración do pavimento da pista, a substitución do balizamento por tecnoloxía LED e a renovación do sistema de drenaxe.

A duración de todos os traballos previstos na licitación, algúns asociados á certificación da instalación, é de nove meses. Con todo, o aeródromo só pechará entre o 6 e o 30 de maio de 2024.

“Debido á complexidade da actuación de rexeneración dos pavimentos, será necesaria a suspensión da actividade aeroportuaria durante 25 días, entre o 6 e o 30 de maio de 2024, evitando a tempada alta e atendendo aos meses coa meteoroloxía máis favorable para o correcto desenvolvemento dos traballos”, indicou Aena nun comunicado, onde explicou que o resto das actuacións executaranse fóra deste período de inactividade, en horario nocturno, sen afectar aos voos.

En canto aos detalles da obra principal, para rexenerar a pista, que conta con 2.385 metros de lonxitude e 45 metros de ancho, demoleranse máis de 29.000 metros cúbicos de pavimento e estenderanse preto de 71.000 toneladas de asfalto. Ademais, serán necesarios máis de 13.500 metros cadrados de pintura para a renovación da sinalización horizontal, cumprindo co estipulado pola normativa vixente.

Desde o punto de vista da sustentabilidade ambiental, aproveitarase todo o material posible da demolición do pavimento do fresado para reutilizalo na obra. Aena coordinará con todos os axentes implicados na operativa e provedores de servizos para que a afectación sexa a menor posible.

Todo iso despois de que en pouco máis dun ano Peinador rexistrase tres fochas na súa pista, obrigando a cancelar decenas de voos mentres se reparaban. O último deles foi no mes de marzo deste ano.

ÚLTIMAS

O SIT-FSI volve gañar en Stellantis co 61,12% dos votos

O Sindicato Independente de Traballadores (SIT-FSI) revalidou a súa maioría no comité de empresa...

O home que apuñalou a súa exmuller cunha lanza en Vigo enfróntase a 10 anos de cárcere por tentar matar a un policía

A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, acollerá este...

Nove anos da traxedia de Chandebrito, os eucaliptos volven ser os reis dun monte case abandonado

A vaga de lumes forestais de outubro de 2017 en Galicia quedou marcada pola...

Novas ramplas para a Gran Vía, entre as rúas Xirona e Tarragona, por 9 millóns

A Xunta de Goberno Local de Vigo deu este venres luz verde á licitación...