O alcalde de Vigo, Abel Caballero, volveu a denunciar este mércores que o novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) da cidade non está aprobado porque a Xunta “atrasa os informes”, “alonga os prazos” e fai ao Concello olívico “máis requirimentos que a outras cidades”.
Así o manifestou nunhas declaracións remitidas aos medios, nas que acusou ao goberno galego de atrasar un instrumento “importantísimo para o crecemento e desenvolvemento de Vigo”.
Caballero lembrou que a tramitación da PXOM está pendente de dous informes da Xunta, un da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) e outro de Patrimonio. Con respecto ao primeiro, explicou que a única discrepancia está na achega autonómica ás infraestruturas da súa titularidade na cidade, aínda que a conselleira Ángeles Vázquez, sinalou nas últimas horas que tamén se lle requiriu ao Concello un plan de tráfico e mobilidade que non presentara.
Segundo o rexedor olívico, a documentación para o informe da AXI foi remitido á Xunta en abril e, pasados tres meses sen resposta, o Concello “dáo por positivo”. Con respecto á documentación para Patrimonio, Caballero sinalou que a última documentación foi remitida a mediados de xuño pasado (aínda que fontes autonómicas matizaron que a data de entrada foi o 29 de xuño).
O alcalde tamén denunciou que o Concello pediu o pasado 15 de maio unha reunión coa directora xeral de Patrimonio e que non tivo resposta. “Esta é a razón pola que non se aproba o Plan, a Xunta atrásao, alonga prazos, non informa a documentación, deixa pasar o tempo e xa perdemos un ano”, proclamou, e reiterou que os motivos detrás desta actuación son “políticos”, para que a cidade non chegase a eleccións municipais coa novo PXOM aprobado, e agora para que pasen as eleccións xerais.
