Usuarios da Asociación Érguete, dedicada á prevención e intervención en condutas adictivas, crearon unha marca de bolsos xunto coa firma de deseño viguesa A Canalla.
Tal como indicou a entidade nun comunicado, unha das principais dificultades das persoas con problemas de adicción é a volta á vida normalizada na sociedade. De aí a importancia de ter un traballo para deixar atrás o consumo nos centros penais ou en recursos especializados.
Por iso, as persoas que viven nas residencias de acollida da asociación comezaron un taller para aprender a confeccionar bolsos utilizando materiais sustentables e reciclaxes, creando unha marca propia.
“Queremos traballar novas ferramentas e valores como o da reciclaxe, a imaxinación, o esforzo e a loita por un mundo mellor con eles. Polo de agora, o proxecto está a comezar”, subliñou a coordinadora da asociación, Elvira Rivas.
Ela explicou que os deseñadores da Canalla xa crearon os primeiros modelos e agora están a compartir cos usuarios o seu método. “Esperamos que a final de ano podamos mostrar os primeiros bolsos”, engadiu.
Precisamente Xandre e Liño, dous usuarios que forman parte da iniciativa, mostraron a súa felicidade con esta actividade, ao considerala unha idea “estimulante e moi ben organizada” coa que “poden aprender moito”. Na mesma liña falou Francisco Soto, da Canalla, que destacou que é “un reto” co que a marca está “moi ilusionada”.
