InicioSociedadeO Concello de Vigo deixa en mans da organización celebrar o concerto...

O Concello de Vigo deixa en mans da organización celebrar o concerto de Guns N’ Roses sen patrocinio

O PP acusa a Caballero de "ocultar" en campaña o problema e o BNG esíxelle "dar a cara" tras querer "apuntarse o éxito"

PUBLICADO O

- Advertisement -

O Concello de Vigo desvinculouse dos problemas que poida ter a empresa organizadora para levar adiante o concerto do grupo Guns N’ Roses, previsto para o próximo 12 de xuño no estadio municipal Abanca Balaídos, despois da Mesa de Contratación do Concello propuxese declarar deserta a licitación para un patrocinio publicitario para este evento (cun orzamento basee de 1,5 millóns de euros).

En abril pasado iniciouse o expediente para licitar este patrocinio, destinado ao concerto dun grupo internacional “a celebrar no estadio de Balaídos entre o 5 e o 27 de xuño”. A única empresa licitadora non presentou a documentación necesaria, polo que o órgano de contratación acordou declarar deserto ese concurso.

Isto supón que se a produtora segue adiante coa actuación, tendo en conta que hai unhas 25.000 entradas xa vendidas, faríao pola súa conta e risco, é dicir, sen o apoio económico do Concello.

A administración municipal desvinculouse da organización do evento, aínda que o certo é que o propio alcalde, Abel Caballero, confirmou a actuación en rolda de prensa en febreiro, felicitándose porque a cidade sexa a única de España, xunto con Madrid, incluída na xira da banda. Así mesmo, asegurou que recibira “ducias e ducias de felicitacións” polo concerto.

Poucas semanas despois desas palabras, o rexedor anunciou que o estadio municipal acollería “un gran festival de rock” nos días previos ao concerto de Guns N Roses, que daría protagonismo a grupos locais e galegos, pero nada se volveu a saber dese festival Polo momento, a produtora local e o promotor internacional manteñen nas súas respectivas páxinas web a cita de Guns N’ Roses para o 12 de xuño en Vigo.

CRÍTICAS

O PP de Vigo referiuse a os problemas xurdidos co patrocinio do concerto e a súa presidenta, Marta Fernández-Tapias, sinalou que se trata de “outro fracaso máis” do goberno socialista vigués na xestión dos fondos públicos. “Haberá que ver se non ten consecuencias legais”, advertiu.

A ‘popular’ lembrou que, cando a Xunta patrocinou o concerto de Muse en Balaídos, o alcalde da cidade afirmou que o querían levar á cidade da Coruña, que non sabían organizalo ou que as entradas eran moi caras. “O tempo, como sempre, pon a cada un no seu sitio, e agora asistimos a un desastre que se vía vir”, recalcou.

Nese sentido, cuestionou a forma en que o Concello tramitou a achega económica, a través dun procedemento administrativo “non adecuado”, en lugar dun procedemento negociado, e acusou ao alcalde de “ocultar” este problema, cando xa era coñecedor, en plena campaña electoral, de que a única licitadora non cumpría os requisitos do prego (o prazo para emendar a documentación acabou o 15 de maio e o 22 de maio o departamento de Festas emitiu un informe respecto diso).

“Que vai facer agora ante o risco de que se cancele a actuación?”, preguntou Tapias, que tamén reclamou que se aclare se o último concerto anunciado por Abel Caballero, a tres días das eleccións municipais, o de David Guetta (para o 20 de agosto en Castrelos), “é real ou tamén está no aire”.

“TEN QUE DAR A CARA”

O concelleiro electo do BNG, Xabier Pérez Igrexas tamén tivo palabras críticas para o goberno municipal, e sinalou que non hai precedentes noutras cidades de que, a 10 días da actuación e con miles de entradas vendidas, un concerto desa envergadura poida “estar no aire”. “Está claro que os atallos pola porta de atrás poden conducir a canellóns sen saída”, apuntou, sobre as “evidentes sospeitas de irregularidades” nesa licitación, cuxas bases “parecían ser elaboradas ‘ad hoc’ para este concerto”. O nacionalista esixiu “explicacións” e proclamou que “quen se quixo apuntar o éxito de traer aos Guns N’ Roses a Vigo ten que dar agora a cara”.

ÚLTIMAS

Absolto o acusado de violar a unha moza durmida pola falta de consistencia da versión da denunciante

A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, ditou sentenza na que...

Condenan a 2 anos de cárcere a unha americana que estafou máis de 158.000 dólares a unha firma viguesa de produtos do mar

A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, acolleu este...

A xuíza acorda o arquivo da causa contra o detido na rúa Mestre Montes por agredir supostamente á súa nai cun garfio

A xuíza de instrución 2 de Vigo acordou o sobresemento e arquivo das actuacións...

Detidos dous homes na rúa Cánovas del Castillo por supostos roubos con forza no interior de 15 coches estacionados

Axentes da Policía Nacional da Comisaría de Vigo detiveron a dous homes como presuntos autores de...