O Boletín Oficial do Estado (BOE) publicou este mércores os proxectos aprobados no Plan de Sustentabilidade Turística 2023 aprobados polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo grazas ao financiamento dos fondos europeos Next Generation UE, onde se inclúen 2 millóns de euros para o turismo e o comercio do barrio vigués de Bouzas.
Así o anunciou o alcalde, Abel Caballero, que explicou que estes fondos están dedicados á reactivación de Bouzas “como destino turístico, comercial e con novas renaturalizaciones por todo o barrio, con novos espazos verdes na zona do paseo”.
Neste sentido, o rexedor indicou que o proxecto mellorará as zonas verdes, a recollida de residuos porta por porta, a iluminación, a promoción dixital de Bouzas e a difusión da festa da Brincadeira, entre outras accións.
Caballero reivindicou o interese turístico que gañou a cidade nos últimos anos. “Somos unha cidade turística, co Nadal e o resto de festas e o verán. Imos delimitando zonas que permitan a extensión do turismo. Fixémolo con Vialia ampliando a Teis e ao Calvario e agora é a quenda de Bouzas”, sentenciou.