A desaparición da tarxeta SIM orixinal do teléfono de Déborah Fernández-Cervera converteuse nun obstáculo practicamente insalvable á hora de tentar obter información do teléfono da moza, un móbil que foi entregado á Policía en 2006 e que estivo en paradoiro descoñecido ata que en setembro de 2022 foi atopado de forma fortuíta durante a realización dunhas obras en dependencias policiais de Madrid.
Segundo explicaron peritos de Lazarus, a empresa, que está a tentar buscar a fórmula para obter algunha información do terminal, as probas realizadas ata agora con tres réplicas do teléfono de Déborah (tres teléfonos idénticos ao da moza e que foron adquiridos en lugares tan remotos como Acerbaixán ou Singapura) non deron resultados.
Respecto diso, o experto Manuel Huerta sinalou que ese modelo de móbil é “limitadísimo” e que non conseguiron que “devolva datos” nas probas que están a facer. Así mesmo, lembrou que este tipo de teléfonos gardaban a maior parte de datos, por exemplo os contactos, na SIM que, no caso de Déborah “está desaparecida”.
A idea era obter información como chamadas entrantes e saíntes, mensaxes ou datos de xeolocalización (pola conexión coas antenas). Tras meses de probas, Manuel Huerta recoñeceu que non se obtiveron resultados: “Queda algunha proba por facer pero o máis probable é que non merezan a pena”.