
A Confederación Intersindical Galega (CIG) convocou este luns unha concentración contra a “discriminación salarial das mulleres” en Copo Galicia.
Así, o sindicato pretende visibilizar a “inaceptable situación de discriminación” que padecen as traballadoras nesta compañía, polo que chamou á mobilización a partir das 12,00 horas nas instalacións da empresa, situadas en Mos.
Nun comunicado, a CIG explicou que a empresa forma parte do grupo Copo, con tres asinas na provincia, sendo Copo Galicia a única que non ten na actualidade un convenio de empresa propio. Con todo, case a metade do persoal son mulleres, sendo a empresa co cadro de persoal máis feminizado do grupo.
“A compañía asigna diferentes traballos en función do xénero das persoas, ocupando as mulleres os postos ligados a costura e os homes os postos de mantemento ou operarios. Esta diferenciación válelles como base para aplicar ás mulleres o convenio da industria téxtil e ao home o da industria química”, criticou a CIG, que asegura que desta maneira as mulleres cobran uns 6.000 euros menos ao ano.