InicioCulturaO goberno de Vigo aumenta en 1,8 millóns o gasto en concertos...

O goberno de Vigo aumenta en 1,8 millóns o gasto en concertos e a axuda ao Marisquiño

O Concello xustifica o incremento da partida polo aumento de custos de contratación e organización.

PUBLICADO O

- Advertisement -

A Xunta de Goberno Local de Vigo aprobou o pasado 13 de abril (nunha sesión ordinaria, aínda que fose da orde do día) unha proposta para facer unha modificación orzamentaria por valor de 1.840.000 euros, con cargo ao remanente líquido de tesouraría, para aumentar o financiamento dos concertos de verán e a axuda que o Concello outorga ao festival O Marisquiño.

No expediente recóllese que o Plan de Contratación de 2023 prevé unha partida de 700.000 euros “para actuacións artísticas singulares” pero o departamento de Festas constatou que o gasto dos concertos de Castrelos e da Semana de Jazz e Música Clásica que se celebra na Praza de Compostela ascende a case 2 millóns de euros.

Por iso, solicítase incrementar o financiamento desta partida en 1,3 millóns de euros, unha modificación orzamentaria que, tal e como se xustifica no expediente, debe executarse en 2023 e non pode aprazarse ao seguinte exercicio. Entre os argumentos esgrimidos para explicar este desfasamento orzamentario está o incremento dos custos de contratación, derivados do escenario de inflacción, o aumento de prezo das materias primas e outros factores.

AUMENTO DE AXUDA AO MARISQUIÑO

Con respecto ao festival O Marisquiño, a achega do Concello ao evento faise a través dun convenio coa Deputación de Pontevedra, de maneira que a axuda municipal é de 420.000 euros, máis outros 180.000 euros que achega o organismo provincial. Con todo, sinalou o departamento de Festas, o traslado de probas á contorna de Samil e outros cambios incrementaron os custos da organización nuns 540.000 euros.

A proposta de modificación orzamentaria foi aprobada en xunta de goberno e, tras un período de alegacións, deberá ser sometida a debate no Pleno, onde se aprobará sen problemas, grazas á maioría absoluta do PSOE.

Unha vez que se execute esa modificación, o total de remanente líquido de tesouraría do exercicio 2022 que quede nas arcas municipais será duns 56 millóns de euros (inicialmente eran 148 millóns, e cando se aprobe este trámite, utilizáronse uns 92 millóns).

CRÍTICAS DA OPOSICIÓN

O PP de Vigo cualificou esta proposta como “a traca final dun goberno que pensa antes na propaganda que na xestión, e ao que se lle dá mellor o autobombo que os feitos”. Segundo os populares, o PSOE acaba un mandato “cun gasto extraordinario e recorrendo aos remantenes que previamente non soubo administrar”. Así, censurou que se adopte esa medida “a un mes das eleccións”, e que se fale de “presuposto marca”, un orzamento que o goberno “tiña que investir e foi incapaz”.

Pola súa banda, Marea de Vigo presentou emendas á proposta de modificación orzamentaria e sinalou que, aínda que deben mobilizarse todos os remanentes posibles, as administracións públicas teñen a oportunidade, con eses recursos, de facer fronte ás consecuencias que a crise económica ten para moitas familias.

Finalmente, o concelleiro do BNG, Xabier Pérez Igrexas, que tamén fará públicas as súas emendas en próximos días, trasladou a súa “sorpresa” pola “improvisación e apuro” desta modificación “exprés”, que leva ao goberno local a “autoenmendar” os seus orzamentos.

ÚLTIMAS

Protestas de traballadores da limpeza en GKN de Vigo contra a precarización das súas condicións

O persoal da empresa Clece, encargada da limpeza na empresa de automoción GKN de...

Situacións de tensión en Vigo tras quedar xente atrapada en ascensores por avería eléctrica

O 112 Galicia recibiu á primeira hora da mañá deste luns varias chamadas de auxilio...

Sindicatos concéntranse en Vigo para reclamar mellores condicións do persoal da Seguridade Social

Os sindicatos CSIF, CC.OO. e CIG concentráronse en Vigo para reclamar melloras nas condicións laborais...

Stellantis non descarta o peche de plantas ante o crecemento da competencia chinesa

O conselleiro delegado Stellantis, Carlos Tavares, indicou nunha entrevista publicada este luns que o...