Polo menos oito investidores mostraron o seu interese pola compra das empresas do grupo Ganomagoga

Por iso, os administradores concursais "ven viable" aceptar a proposta sindical de cambiar os expedientes de regulación de emprego (ERE) extintivos por expedientes de regulación temporal de emprego

Concentración de traballadores do Grupo Ganomagoga, fronte ao Concello de Vigo, o 24 de marzo de 2023.

Polo menos oito investidores mostraron o seu interese pola compra das empresas do grupo Ganomagoga, segundo trasladaron este martes os administradores concursais da compañía aos representantes dos traballadores.

En concreto, cinco investidores mostráronse interesados por escrito e outro tres realizárono de maneira verbal, para adquirir as diferentes empresas do grupo. Por iso, os administradores concursais “ven viable” aceptar a proposta sindical de cambiar os expedientes de regulación de emprego (ERE) extintivos por expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE) de polo menos catro meses, para realizar o seu traballo e cumprir cos prazos concursais, segundo informaron fontes de Comisións Obreiras (CC.OO.).

Por tanto “será difícil” que antes do 31 de xullo estea o procedemento pechado, explican as mesmas fontes, que solicitaron aos administradores concursais que teñan en conta aquelas ofertas que supoñan a maior subrogación de traballadores, “cuestión que confirman que van ter en conta”.

Todo iso despois de que o grupo, con talleres en Ponteareas e en Mos, notificase a presentación dun ERE extintivo para todo o persoal da compañía, que podería supor o despedimento colectivo dunhas 200 persoas.