Dous decesos na área sanitaria de Vigo elevaron a 4.114 o número de persoas falecidas con Covid en Galicia, onde os casos activos rexistrados descenderon este mércores ata 754, e onde tamén se reduciu o número de persoas hospitalizadas.
Así, segundo os datos feitos públicos polo Sergas, con información recollida ata as 18,00 horas do martes, o número de persoas falecidas con Covid desde o inicio da pandemia é de 4.114. Os últimos decesos notificados son os de dúas persoas que morreron na área sanitaria de Vigo.
Trátase dunha muller de 87 anos de idade que morreu o pasado 29 de marzo, e dun home de 81 anos, que faleceu o pasado 31 de marzo. En ambos os casos, informou Sanidade, padecían patoloxías previas.
Con respecto ao número de casos activos de Covid notificados en Galicia, nas últimas horas reduciuse a 754 e rexistráronse 53 contaxios novos. Así mesmo, baixaron os pacientes en UCI, de 7 a 5, e os pacientes en unidades convencionais de hospitalización, de 123 a 116.
Por áreas, a da Coruña e Cee rexistra o maior número de persoas con Covid, con 161 casos activos (tres menos que o día anterior); na área de Santiago e Barbanza hai 132 casos (7 menos); na de Vigo, hai 120 casos activos (10 menos); na área de Ourense, Verín e Barco de Valdeorras hai 107 casos (6 máis); na área de Lugo, A Mariña e Monforte, hai 83 casos (un menos); os mesmos que na área de Pontevedra e O Salnés (sen cambios); e na área de Ferrol, a incidencia mantense en 60 casos activos.
Do total de pacientes hospitalizados, hai 5 persoas con Covid en Unidades de Coidados Intensivos: 2 na área sanitaria de Pontevedra, unha na área de Vigo, unha na área de Santiago e unha na área de Lugo.
Desde o inicio da pandemia, curáronse en Galicia 692.599 persoas, e realizáronse máis de 4 millóns de probas PCR e case 3,7 millóns doutro tipo de probas. Ademais, administráronse 7,6 millóns de doses da vacina contra a Covid.