
A Audiencia Nacional (AN) ditou sentenza na que anula unha resolución da Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) que impuña unha sanción de 170.000 euros ao sindicato CC.OO. pola suposta vulneración da libre competencia polos acordos laborais da estiba do Porto de Vigo.
Segundo recóllese na resolución, a Autoridade Portuaria de Vigo remitiu un informe á CNMC no que informaba da existencia dun acordo extraestatutario entre as empresas que formaban parte da Sociedade anónima de Xestión de Estibadores Portuarios (SAGEP) de Vigo, que podería contravenir a normativa relativa a competencia.
Aínda que inicialmente a Dirección de Competencia estimou que non había infracción, o Consello da CNMC modificou posteriormente a cualificación e resolveu que si se incumpriu a normativa, e fixo responsables aos sindicatos e a varias empresas.
O sindicato CC.OO. presentou recurso contencioso administrativo ante a Audiencia Nacional fronte á resolución da CNMC (de xullo de 2018) que lle impuña ao sindicato unha multa de 170.000 euros, e a Audiencia estimouno, anulando dita resolución “en canto á declaración de responsabilidade e a sanción imposta á entidade actora por non ser, nestes pronunciamentos, axustada a Dereito”.
O tribunal entende que os acordos laborais foron asinados por membros do comité de empresa, un órgano que non se pode considerar persoa xurídica, e que non quedou acreditado que o sindicato CC.OO. participase dos devanditos acordos (os comités son independentes dos sindicatos). Así, avala os argumentos da Dirección de Competencia, que xa alertara de que non se estaba ante acordos entre empresas, senón acordos intraempresa, dentro da propia SAGEP.
A sentenza ratifica “a inexistencia de prácticas prohibidas ao non entrar as condutas descritas dentro do ámbito de aplicación dos artigos 1 da Lei de Defensa da Competencia (LDC) e 101 do Tratado de Funcionamento da UE (TFUE)”.
VALORACIÓN DE CC.OO.
O sindicato celebrou a resolución da Audiencia Nacional e lembrou que, na súa “defensa lexítima dos dereitos do conxunto dos traballadores e traballadoras”, mantiveron que eses acordos non vulneraban a libre competencia e que se sancionou ao sindicato cando non fora partícipe de ningún deles.
Segundo CC.OO., “esta sanción supuxo unha intromisión e un acto intimidatorio grave ao libre exercicio da negociación colectiva e a liberdade sindical”, e insistiu en que a sanción se impuxo “contra o ditame da propia Dirección de Competencia da CNMC”.