A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural pediu ao Concello de Vigo máis documentación para poder informar sobre a solicitude do proxecto de prolongación do túnel desde o final da rúa Elduayen ata o novo viario do Barrio do Cura.
Así, o departamento autonómico, dependente da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, responde o documento entregado polo goberno local sobre a ampliación do soterramento do tráfico.
A Xunta explicou nun comunicado que este proxecto ten relación con outros dous que están a se executar no centro da cidade, vinculados ás obras da Porta do Sol e a reforma do Barrio do Cura.
Patrimonio coincide coa versión do Concello, xa que a arqueóloga municipal expresa o carácter de Ben de Interese Cultural dos restos da muralla entre a rúa Elduayen e o Paseo de Alfonso XII e a conveniencia da súa conservación ‘in situ’ xa que “a entidade dos restos empeza a ser importante” e sería necesario “empezar a formular posibles alternativas para compatibilizar a súa conservación co proxecto de prolongación do túnel”.
A Dirección Xeral tamén require xustificacións sobre a adecuación das modificacións no eixo viario Porta do Sol-Elduayen-Paseo Alfonso ás actuacións contempladas na ficha do Plan Especial de Protección e Reforma Interior do Casco Lanuxe.
Entre outras accións, Patrimonio indica que o quiosco ten un nivel de protección ambiental que non contempla o desprazamento, polo que “calquera xustificación baseada na recuperación do ben na súa localización orixinal deberase apoiar na documentación histórica que a corrobore e dar conta das características construtivas do elemento e das posibilidades do seu desmonte e posterior montaxe sen afectar ás distintas partes que o conforman”.