O grupo municipal Marea de Vigo criticou este venres a “improvisación” e o gasto público no proxecto de construción dun túnel baixo a porta do Sol, tras varios incrementos de custos, e comparou o proxecto coa “Cidade da Cultura”, aínda que “versión Abel Caballero”.
O portavoz do grupo, Rubén Pérez Correa sinalou que, o atraso nas obras e as modificacións, pon de manifesto que “o túnel non era necesario para peonalizar a porta do Sol”, que leva anos pechada totalmente ao tráfico.
Horas despois de que Abel Caballero confirmase a modificación do proxecto para ampliar o túnel proxectado ata Torrecedeira (cun sobrecusto de 3,2 millóns de euros, que se suma a outros incrementos anteriores polo encarecemento dos materiais de obra), Marea de Vigo ha denuciado a “improvisación” no proxecto, no que, do mesmo xeito que na Cidade da Cultura, “entérranse” millóns de diñeiro público en lugar de “reformularse” a actuación.
Pérez Correa referiuse a estes sobrecustos, ás actuacións de peche e apertura das obras para permitir celebracións (como o Nadal ou a Reconquista), e ao feito de que o goberno local “non avaliou de forma rigorosa as alternativas ao túnel en materia de mobilidade”, por iso comparou o proxecto coa actuación no Gaiás compostelán.
Segundo advertiu Rubén Pérez, o túnel de Porta do Sol “sempre foi un gran erro” porque “non resolve ningunha cuestión ligada á mobilidade sustentable, metendo o tráfico baixo terra” e, ademais, cunhas “complexidades técnicas” que implican modificacións e problemas constantes na execución.
Por outra banda, o portavoz de Marea advertiu de que a prolongación do túnel ata Torrecedeira e Barrio do Cura “sería unha modificación que requiriría dunha nova licitación”, porque os custos dese cambio quedan fóra das marxes reflectidas no contrato actual. Eses cambios afectarían tamén, asegurou, á petición de fondos europeos para o financiamento do proxecto.
