InicioSucesosRebaixan de 27 a 22 anos a pena a dous condenados por...

Rebaixan de 27 a 22 anos a pena a dous condenados por violar a unha muller no Porriño

A revisión de condena non afecta o límite máximo de cumprimento, polo que non supón excarceración

PUBLICADO O

- Advertisement -

A sección primeira da Audiencia Provincial de Pontevedra ditou auto de revisión das condenas impostas a dous homes por agredir sexualmente a unha muller no Porriño en 2003, que foron sentenciados a 27 anos de cárcere cada un e, en aplicación da chamada lei do ‘só si é si’, acordou rebaixar esa pena a 22 anos de prisión (para cada un).

Segundo informou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), os dous condenados interceptaron á vítima, unha moza de 22 anos de idade, á saída dunha discoteca en Salceda de Caselas e trasladárona a unha vivenda do Porriño, onde se turnaron para agredila sexualmente.

Os dous acusados foron condenados a 27 anos de prisión por dous delitos de agresión sexual, ademais dunha pena de dous anos por roubo con intimidación (esta última mantense).

LEI DO SÓ SI É SI

Con arranxo á lei do ‘só si é si’, a condena revisouse e o tribunal apuntou que “a agresión sexual consistente en acceso carnal por vía vaxinal, anal ou bucal, ou introdución de membros corporais ou obxectos por algunha das dúas primeiras vías, pasa a castigarse coa pena de prisión de catro a doce anos, en lugar de seis a doce anos”.

Así mesmo, o subtipo agravado por “a actuación conxunta de dúas ou máis persoas ou a concorrencia dunha violencia de extrema gravidade ou de actos que revistan un carácter particularmente degradante ou vejatorio” pasou de castigarse “da pena de prisión de once a quince anos, á de prisión de sete a quince anos”.

Nese sentido, a Audiencia entende que procede reducir o límite mínimo das penas no que respecta á agresión sexual agravada, de maneira que, se os feitos sucedesen hoxe, a pinza penal estaría entre 7 e 15 anos. Por iso, o máximo da metade inferior é de 11 anos, e non de 13,5 anos (como se aplicou na sentenza ditada en 2005).

En todo caso, os maxistrados apuntan que a revisión acordada non suporá “a modificación” nin terá “efecto algún na data fixada como límite máximo a cumprir –7 de maio de 2023–“, é dicir, non implica a excarceración dos condenados.

MÁIS DE 50 REBAIXAS DE CONDENAS

Desde a entrada en vigor da Lei Orgánica 10/2022, de 6 de setembro, de garantía integral da liberdade sexual, as audiencias provinciais galegas e o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia revisaron e emitiron polo menos 106 decisións. Delas, polo menos 52 supuxeron unha rebaixa da pena dos delincuentes, mentres que no resto de ocasións, foi mantida a condena.

ÚLTIMAS

A CIG denuncia que o modelo de Muface prioriza o beneficio económico sobre o dereito á saúde

A CIG denunciou este luns que o modelo de mutualismo administrativo está deseñado para...

La Reina del Flow encabezará o Galicia Fest 2026 cun concerto no Porto de Vigo

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, anunciou este luns o primeiro cabeza...

Guerra de cifras e reproches entre a Xunta e o Concello de Vigo pola vivenda e o Mundial 2030

A Xunta de Galicia reivindicou este luns o seu compromiso coa construción de vivenda...

Un policía local de Redondela resulta ferido ao deter un home que tentou reter a unha moza

Un axente da Policía Local de Redondela resultou ferido este fin de semana durante...