Medio centenar de veciños do barrio vigués de Teis concentráronse na mañá deste venres diante da oficina de Servizos Sociais da zona para denunciar a “falta de persoal” destas instalacións e o “funcionamento baixo mínimos” das mesmas desde hai meses.
Convocados pola Asociación Veciñal de Teis, o foro socio-educativo ‘Os Ninguéns’ e a oficina dos Dereitos Sociais de Coia, veciños do barrio lamentaron que a oficina de Servizos Sociais está pechada os xoves e os venres por falta de persoal administrativo e bedel.
“Esta falta de persoal provoca ademais que o resto da semana, as dúas traballadoras sociais teñan que encargarse a maiores das súas funcións de atender a recepción para abrir e pechar a porta da oficina, ao ter que permanecer pechada por seguridade“, criticou o presidente da Asociación Veciñal de Teis, Anxo Iglesias.
Ademais, a técnica de inclusión que atendía en dita oficina, ao permanecer pechada dous días á semana, ten que derivar aos cidadáns ao Concello. “Esta situación provoca unha diminución dos servizos sociais de Teis, que afecta os veciños que acoden diariamente aos mesmos para tramitar todo tipo de axudas sociais”, engadiu Iglesias. Por iso, esixiu ao Concello unha “solución inmediata” que pasa, ao seu xuízo, por dotar de máis persoal administrativo as instalacións e aumentar as traballadoras sociais.
