A factoría viguesa do grupo automobilístico Stellantis decidiu ampliar o seu parón dos últimos días e suspendeu todas as quendas dunha das súas liñas tamén para este martes, día 21 de febreiro.
Tal como informou a empresa aos seus traballadores, o Sistema 1 da fábrica, onde se ensamblan os Peugeot 2008 e 301 e o Citroën C-Elysée, permanecerá parado polo menos durante o martes. A compañía indicou que comunicará “canto antes” a data e a quenda de arranque desta liña.
“Pola persistencia dos problemas de aprovisionamento, non se reúnen as condicións para o arranque do Sistema 1“, indicou Stellantis, que tiña a intención de volver operar o martes ás 06,00 horas. Stellantis Vigo detivo a súa produción no Sistema 1 na noite do pasado venres por falta de pezas necesarias para os seus vehículos.