A Federación de Asociacións Veciñais de Vigo Eduardo Chao (Favec) denunciou o “estado de abandono” dos barrios e parroquias do municipio olívico e denunciou que o Concello “non escoita” as peticións dos colectivos.
Nun comunicado, a Favec lamentou a cantidade de danos que existen nas estradas das parroquias viguesas, con beirarrúas sen renovar desde hai anos, fochancas e gretas no asfalto e ata afundimentos de terreo.
A presidenta da asociación, María Pérez, destacou que se trata dunha queixa recorrente, polo que esixiu ao goberno local de Abel Caballero que leve a cabo traballos de mantemento nestas zonas.
“Pedimos que se prioricen estas reclamacións fronte a outras non tan urxentes“, engadiu, indicando que se o rexedor recibise ás asociacións, os veciños non terían que sufrir situacións “aberrantes” como a do muro de Freixeiro, apontoado desde outubro de 2019, o que impide utilizar a vía.
Precisamente veciños de Valladares e Beade tamén protestaron no seu día polas obras levadas a cabo polo Concello nas súas parroquias, onde se construíron beirarrúas en certas vías pero non se repuxo o asfalto, deixando as estradas con grandes fochancas e beirarrúas novas.