InicioVigo e contornaVigoAval do xuíz para o pago de 5,7 millóns a Vitrasa polas...

Aval do xuíz para o pago de 5,7 millóns a Vitrasa polas perdas de 2020 e 2021

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, trasladou este venres en rolda de prensa a súa satisfacción pola resolución xudicial que, celebrou, "ratifica as correctas decisións do Concello."

PUBLICADO O

O xulgado do Contencioso Administrativo 1 de Vigo desestimou un recurso interposto por Vitrasa, concesionaria do bus urbano da cidade, e avalou a actuación do Concello, que compensou á empresa con case 5,7 millóns polas perdas derivadas da pandemia, fronte aos máis de 19 millóns que reclamaba a concesionaria polo desequilibrio económico nos anos 2020 e 2021 (aos que habería que sumar as perdas de 2022).

Vitrasa presentou varias reclamacións ante a administración municipal polas perdas económicas debidas ás restricións adoptadas no transporte de viaxeiros durante a pandemia. Segundo os seus cálculos, o desequilibrio nos anos 2020 e 2021 ascendeu a 19,2 millóns de euros, mentres que tamén pediu que se lle recoñecesen as perdas desde xaneiro de 2022 (aínda sen cuantificar).

O Concello acordou, en senllas xuntas de goberno celebradas en decembro de 2020 e en xuño de 2021, indemnizar a Vitrasa nun total de 5,7 millóns de euros. Así mesmo, o goberno local adoptou outra medida “destinada a paliar o desequilibrio” producido pola imposibilidade de executar o contrato, que foi a prórroga en cinco anos máis dunha concesión que debía finalizar en xuño de 2020.

Vitrasa presentou reclamación ao considerar insuficientes as axudas recibidas, pero as súas pretensións foron desestimadas polo Concello que, ademais, requiriulle en novembro de 2021 para que achegase a documentación necesaria “para comprender a envergadura do desequilibrio” porque, ata o momento, a empresa non achegara esa información, a pesar de que reclama tamén compensación polo ano 2022.

De feito, o xulgado sinala na súa sentenza que ese requirimento municipal non se pode impugnar, e que a entidade do desequilibrio e o modo de restituílo debe determinarse “no seo dese expediente administrativo”.

RECURSO CONTENCIOSO

Vitrasa, desconforme coa decisión do Concello, presentou recurso ante o Contencioso Administrativo, pero o xulgado sinalou que, coas dúas decisións adoptadas polo goberno local, a quebra do equilibrio económico da concesión durante o tres meses de restricións pola Covid “quedou restablecida”.

Así mesmo, remítese ao requirimento feito en novembro de 2021 polo Concello para que se poida analizar a quebra “nun espectro temporal superior”.

Fronte a esta sentenza cabe recurso de apelación, do que coñecerá a sala do Contencioso Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

VALORACIÓN DO ALCALDE

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, trasladou este venres en rolda de prensa a súa satisfacción pola resolución xudicial que, celebrou, “ratifica as correctas decisións do Concello.”

Así, sinalou que se desestima a reclamación de 19,2 millóns de euros por parte de Vitrasa, e aválanse as dúas decisións adoptadas pola administración local: a prórroga da concesión por 5 anos, e a compensación de case 5,7 millóns de euros para restablecer o desequilibrio económico derivado da pandemia.

ÚLTIMAS

Encontrado o cadáver dunha muller dentro dun coche aparcado nun parking de Samil

O cadáver dunha muller foi achado dentro dun coche que estaba aparcado nun parking...

Decretan prisión para o recluso da Lama investigado pola morte da muller que apareceu no Porriño

A maxistrada do Xulgado de Instrución número 3 do Porriño decretou prisión provisional, comunicada...

Sae o vehículo número 16 millóns de Stellantis, un Fiat E-Dobló 100% eléctrico

Stellantis Vigo produciu este martes o seu vehículo número 16 millóns desde que a...

Expertos analizan no Porriño o “difícil” camiño das vacinas pendentes

A Asociación Nacional de Informadores da Saúde (ANIS), en colaboración con Zendal, organizaron no...