InicioSociedadeCaballero di agora que quere pór un baño na ETEA tras negarllo...

Caballero di agora que quere pór un baño na ETEA tras negarllo aos veciños, e asegura que a Xunta se opón

O goberno autonómico, que xa iniciou as obras para facer un aseo, acusa o rexedor de "enredar" e contradicirse

PUBLICADO O

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, desvelou este xoves en rolda de prensa que o Concello leva desde xullo pasado esperando unha autorización da Xunta de Galicia para facer unha canalización que permita instalar un baño público á beira da praia da ETEA, un servizo longamente demandado polos veciños de Teis e que o propio rexedor, ata hai uns meses, rexeitaba porque, ao seu xuízo, debía ser instalado polo goberno galego (titular de boa parte dos terreos).

O pasado 18 de xullo, Abel Caballero tivo un encontrón con varios membros da asociación de veciños de Teis, que o abordaron nun acto para reclamarlle a instalación dun baño nesa zona. Naquel momento, o alcalde replicoulles con frases como “non valedes” ou “que volo faga Castrillo, que xa se viu o que fixo cando gobernou”.

Este xoves o alcalde asegurou que fixo unha solicitude o 20 de xullo á Xunta para poder instalar un baño, só dous días despois dese incidente. Preguntado polo seu cambio de opinión, Caballero respondeu: “Foi o momento en que o alcalde decidiu que a ETEA ía ter Bandeira Azul”.

Deste xeito, o rexedor xustificou a solicitude do permiso, xa que o areal da ETEA non pode ter ese distintivo se non dispón de certos servizos, entre eles, un baño público. Sobre a demanda dos veciños, sinalou que “é un dato máis”, pero non o motivo da súa decisión.

A día de hoxe, denunciou o alcalde, a Xunta aínda non deu ese permiso, polo que concluíu que o goberno galego non quere que o Concello instale o baño. “Que o saiba todo Teis”, proclamou Caballero, quen acusou á administración autonómica e á candidata do PP (e delegada da Xunta), Marta Fernández-Tapias, de facer “política contra Vigo”, de “acordo” coa propia asociación veciñal de Teis. Finalmente, afirmou que “unha parte” dese baño xa foi comprada polo Concello, e que se a Xunta non dá o seu permiso, “porase noutro sitio”.

RESPOSTA DA XUNTA

Pola súa banda, a Xunta de Galicia, que o pasado mes de novembro anunciou que reformará unhas instalacións da ETEA para situar unha cafetaría e un baño público, entre a praia e a pista de patinaxe (traballos que xa comezaron), lamentou que o alcalde pretenda xerar un conflito e non explique por que impide ao goberno galego investir 15 millóns en obras de humanización da ETEA e a súa contorna.

A través dun comunicado, a Xunta lembrou que xa confirmou aos veciños de Teis que porá ese servizo e apuntou que as palabras de Caballero este xoves veñen enredar “” e contradinse co que mantiña hai uns meses.

Finalmente, volveu a esixir ao goberno local que poña a disposición os terreos necesarios na ETEA para que se poida urbanizar o ámbito PS1 (viarios, conexións e Praza de Armas), segundo o proxecto que xa foi aprobado, xa que a Consellería de Infraestruturas non pode levar a cabo os traballos ata ter o permiso municipal para actuar.

ÚLTIMAS

Asistidas un pai e a súa filla en Vigo tras producirse un incendio na súa vivenda

Dúas persoas, un pai e unha filla, necesitaron asistencia en Vigo este xoves tras producirse...

Emilio Sotelino ou a Asociación de Viúvas Demócratas entre os Vigueses Distinguidos 2024

O pleno de Vigo aprobou este luns por unanimidade nunha sesión extraordinaria os novos Vigueses...

O goberno de Vigo aproba o marco orzamentario ata 2027 e prevé investimentos por valor de 33 millóns cada ano

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que o goberno local aprobou o marco...

Pechados parques e espazos arbóreos da cidade de Vigo debido ao temporal

O Concello de Vigo restrinxiu por seguridade o acceso aos parques e espazos arbóreos...