InicioPolíticaAs alcaldías de Galicia suman unha docena de mocións de censura

As alcaldías de Galicia suman unha docena de mocións de censura

O pleno en Sobrado dos Monxes reunirase o xoves 12 para debater a súa segunda moción desde 2015 e, se prospera, devolverá a Alcaldía ao PSOE.

PUBLICADO O

Máis de 75.000 galegos dunha decena de concellos viron cambiar o seu alcalde desde as eleccións municipais de 2015 noutras tantas mocións de censura. A Coruña é a provincia máis convulsa no que vai de mandato local.

Deciden non debater a moción de censura no Concello de Fene (A Coruña).

A pouco máis dun ano para os próximos comicios municipais, é significativo o caso dos 1.847 veciños de Sobrado dos Monxes (A Coruña). Neste concello poderían vivir o seu segundo cambio de alcalde desde 2015. E é que está previsto que o xoves 12 de abril se debata a segunda moción de censura do mandato que, se prospera, devolverá a Alcaldía ao PSdeG.

Os socialistas presentaron unha moción de censura para desbancar da Alcaldía á actual rexedora, María Jesús García de Todos por Sobrado. A acción tería o apoio de Juan Vicente Aller, un edil que acaba de entrar na corporación para substituír, tras a súa marcha, a quen exerceu como portavoz local do PP, Jacobo Fernández. É a primeira iniciativa deste tipo que asina o novo concelleiro.

Coa presentación desta moción, búscase que o socialista Lisardo Santos volva ser rexedor. Lisardo Santos foi desaloxado do cargo  tamén por unha moción de censura previa, promovida hai un ano por populares e independentes. O PP desautorizou a iniciativa, mentres que o PSdeG ve lexítimo que os socialistas, primeira forza nas municipais de 2015, recuperen a Alcaldía.

Se Sobrado vive a súa segunda moción de censura, será a oitava neste mandato na provincia da Coruña. As sete que xa saíron adiante rexistráronse previamente nesta mesma localidade coruñesa de Sobrado, Boimorto, Noia, Santa Comba, Mugardos, Coristanco, e a última, o pasado venres, en Fene.

O popular Gumersindo Galego foi investido novo alcalde de Fene ao prosperar a moción de censura presentada polos grupos municipais de PP, con sete edís e Somos Fene con dous. En total sumaron nove apoios dunha corporación de 17 concelleiros. O alcalde que perdeu o bastón de mando é o nacionalista Juventino Trigo. As tres mocións restantes no que vai de mandato local en Galicia rexistráronse na provincia de Pontevedra: nas localidades de Oia, Pontecesures e Tui.

UNHA TRINTENA DE MUNICIPIOS CAMBIARON DE ALCALDE

O número de municipios en Galicia que viron cambiar ao seu alcalde son trinta, todo desde as municipais de 2015 e por distintos motivos. Entre eles a implicación en causas xudiciais, a asunción doutras responsabilidades políticas ou a mera cuestión de substitución xeracional.

Hai concellos que mesmo tiveron dous alcaldes sen ser foco dunha moción de censura. É o caso de Negreira (A Coruña), onde o socialista Jorge Tuñas foi substituído por Manuel Ángel Leis na Alcaldía. Tuñas veuse envolvido nun caso de suposta apropiación de varios teléfonos móbiles, e acabou regresando ao cargo sentencia absolutoria en man.

Entre os últimos cambios rexistrados está tamén, en novembro de 2017, a substitución en Culleredo do socialista Julio Sacristán, despois de máis de 30 anos á fronte do goberno local. Tomou o bastón de mando José Ramón Rioboo.

E en decembro do ano pasado, Domingo Diéguez foi elixido alcalde de Trives, en Ourense, após dimitir Francisco José Fernández Blanco, por diferenzas co seu grupo Agrupación Trivesa Independente. Mentres, no Rosal, Pontevedra, tomou posesión en febreiro deste ano do bastón de mando María del Carmen Alonso, en substitución de Jesús Fernández, quen se retirou logo de 19 anos como rexedor.

OUTROS CASOS

Pero cada caso de cambio de rexedor desde 2015 ten as súas propias características. Por exemplo Cerdedo-Cotobade, dous municipios pontevedreses que decidiron iniciar os trámites para fusionarse e que, como consecuencia diso, actualmente están rexidos por unha xunta xestora que capitanea quen era o primeiro edil de Cotobade, Jorge Cubela.

Tamén supuxeron un cambio no partido que lideraba o concello os pactos alcanzados na Rúa, Ourense, e Sanxenxo, Pontevedra. En canto ao primeiro municipio, actualmente goberna o socialista Luís Fernández Gudiña, ao renunciar no ecuador do mandato a nacionalista María González, pois PSdeG e BNG empataron a tres concelleiros nos comicios e xuntos puideron superar o cinco do PP. En paralelo, en Sanxenxo, o popular Telmo Martín volveu á alcaldía en virtude dun pacto alcanzado con Sanxenxo Agrupación Liberal (SAL), que rompeu o goberno que formara con PSOE e BNG. O até entón rexedor, Gonzalo Pita, é agora tenente de alcalde.

INHABILITACIÓNS EN LUGO E OURENSE

Outros dos motivos que provocaron cambios de alcalde en Galicia nesta etapa foron as inhabilitacións xudiciais. Son os casos de Rairiz de Veiga e Vilariño de Conso, Ourense, e en Monterroso, Lugo. No primeiro dos casos, o popular Xosé Xaquín Rodríguez Ambrosio foi inhabilitado por oito anos e medio por mor dun delito continuado de prevaricación administrativa, de modo que o substituíu o seu número dous, Josefa Asunción Morgade.

Sete anos de inhabilitación foron os impostos a Ventura Sierra, tamén por un delito de prevaricación, así que a tamén popular Melisa Macía asumiu en agosto deste ano as rendas de Vilariño. En Monterroso, Jesús Otero, o exsocialista que concorreu aos comicios á fronte dunha candidatura independente, asumiu unha pena dun ano de inhabilitación pola denominada trama das multas de tráfico, e agora Miguel Rico senta no despacho da alcaldía.

O caso máis recente é o de Antonio Pérez, quen dimitiu en marzo deste ano como alcalde de Xinzo, Ourense,  ao ser condenado por prevaricación, sendo asumido o bastón de mando por Manuel López Casas (PP).

CARREIRA POLÍTICA

cambio de responsabilidades políticas é outra das causas que motivaron o cambio de alcalde en sete concellos, aínda que o partido á fronte da institución mantívose. Por exemplo, é o que lle ocorreu aos populares Ángeles Vázquez e Jesús Vázquez Almuiña: sendo alcaldes de Melide, A Coruña, e Baiona, Pontevedra, foron requiridos por Alberto Núñez Feijóo para ocupar as consellerías de Medio Rural e Sanidade, respectivamente. Tamén Ovidio Rodeiro abandonou o posto en Boqueixón, A Coruña, para converterse en delegado provincial da Xunta.

Pola súa banda, o popular Carlos López Crespo deixou a alcaldía de Outes, A Coruña, para ocupar un escano no Parlamento; un movemento similar ao de Davide Rodríguez, ex primeiro edil de Manzaneda, Ourense, e actualmente integrante de En Marea na Cámara galega.

Outras substitucións producíronse, así mesmo, en Narón, A Coruña, onde José Manuel Blanco cedeu o posto a Marián Ferreiro, tamén de Terra Galega, ao alcanzar a xubilación; mentres que o falecemento do primeiro edil da Gudiña, Ourense, motivou que o seu fillo, o popular José María Lago, tomase a substitución.

ÚLTIMAS

O PPdeG anuncia a “reconstrución” do partido en Vigo “coas mans libres” dos militantes

A xunta xestora do PP de Vigo, presidida por Ana Ortiz, presentouse este mércores formalmente...

Seis adultos e tres nenos quedan atrapados no ascensor Halo, inaugurado o pasado 16 de febrero

Nove persoas, seis adultos e tres nenos, quedáronse atrapados no ascensor Halo de Vigo,...

Capitanía Marítima inspeccionou 723 buques en 2023 e emitiu case 2.000 certificados de navegabilidade

Capitanía Marítima de Vigo inspeccionou o pasado ano un total de 723 buques e...

Buscan un home que convivía cunha muller nunha pensión da rúa Fragoso pola súa posible relación co crime da maleta

A Policía Nacional busca a un home que conviviu cunha muller nun piso de aluguer por...