InicioVal MiñorGondomarBNG Gondomar solicita aclarar os motivos da demora dos servizos de emerxencia...

BNG Gondomar solicita aclarar os motivos da demora dos servizos de emerxencia no incendio do autobús escolar

Denuncian que os bombeiros do GES tardaron corenta e cinco minutos en chegar, a Policía Local de Gondomar perdeuse e non acudiu ningunha ambulancia ata que foi chamada polos pais.

PUBLICADO O

O BNG solicitará no pleno de Gondomar información a respecto dos tempos de resposta dos servizos de emerxencia no incendio do autobús escolar do pasado mes de novembro.

Cúmprese xusto un mes dende que o autobús escolar do colexio de Peitieiros ardera no barrio de Vilas, na parroquia de Morgadáns. Vivíronse momentos difíciles pero afortunadamente, e grazas a rápida e crucial actuación das conductora e coidadora do transporte, non houbo que lamentar vítimas persoais. Mais, pasados os primeiros momentos de angustia, as familias afirman sentírense abandonadas diante da gravidade do acontecido: “os bombeiros do GES tardaron corenta e cinco minutos en chegar, a Policía Local de Gondomar perdeuse, e non chegou ningunha ambulancia. Tivemos que chamala máis tarde porque un neno comezou a se atopar mal”, relatan.

O BNG solicitará aclarar estas circunstancias, así como as causas do propio incendio do autobús, co afán de que non se volvan producir situacións similares. “Solicitamos a información no pleno porque é o goberno local quen debe velar porque todas as persoas, tamén as que viven nos puntos máis afastados do noso concello, teñan a mellor protección. Despois de todo, pagan os seus impostos como as demais”, explica o Portavoz Municipal do BNG, Manuela Rodríguez.

Novas dependencias para o GES

En marzo aprobouse unha iniciativa do BNG que solicitaba que se iniciaran xestións e contactos con Zona Franca para estudar a posibilidade de habilitar unhas novas dependencias para o GES Val Miñor no parque empresarial de Porto do Molle. A proposta obedece a que na actualidade está ao carón dun instituto que concentra en determinadas horas innumerables vehículos e persoas que poden dificultar as saídas de emerxencias.

Ademais, a fronte nacionalista advertiu de que o operativo do GES non pode usar a autoestrada para os desprazamentos nas emerxencias, algo que en moitos casos reduce o tempo de resposta. Desde o Bloque denuncian que os aparellos de telepeaxe, autorizados dende hai un ano, non se poden usar porque a Mancomunidade non fixo as xestións pertinentes.

Sinalización nas parroquias

O BNG tamén insta ao Concello a instalar, á maior brevidade posible, sinalizacións verticais nos viais das parroquiais e no inicio dos camiños, indicando o rango de números que se atopan no seu interior así como un código QR que ofreza información de localización e conectada coa anunciada aplicación na web do Concello. “Esta medida contribuiría a evitar demoras na localización de vivendas ou puntos como o do accidente, e que os vehículos de emerxencias non perdan un tempo que pode ser vital para quen os precisa”, indica a concelleira nacionalista.

ÚLTIMAS

Emilio Sotelino ou a Asociación de Viúvas Demócratas entre os Vigueses Distinguidos 2024

O pleno de Vigo aprobou este luns por unanimidade nunha sesión extraordinaria os novos Vigueses...

O goberno de Vigo aproba o marco orzamentario ata 2027 e prevé investimentos por valor de 33 millóns cada ano

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que o goberno local aprobou o marco...

Pechados parques e espazos arbóreos da cidade de Vigo debido ao temporal

O Concello de Vigo restrinxiu por seguridade o acceso aos parques e espazos arbóreos...

Poñen marcha un servizo de aluguer de bicis eléctricas en Vigo, dispoñibles en sete aparcadoiros da cidade

A compañía Welgood puxo en marcha un servizo de aluguer de bicicletas eléctricas en...