InicioVal MiñorBaionaBaiona restrinxe o uso de auga como medida preventiva para un consumo...

Baiona restrinxe o uso de auga como medida preventiva para un consumo responsable

Aínda que Augas de Galicia non decretou a prealerta en Baiona por escaseza, si que establece medidas equivalentes a esa situación

PUBLICADO O

- Advertisement -

O Concello de Baiona emitiu un bando nas últimas horas no que establece a prohibición de encher piscinas e regar hortas e xardíns, ante a situación de seca e o descenso do volume de auga do encoro de Baíña (o 31,5 %).

Nese bando, o Concello expón que as medidas se adoptan por esa situación e “mentres non cheguen as choivas de outono”. Ademais das restricións en determinados usos, tamén se pediu á poboación que faga un consumo “eficiente”, usando os lavalouzas e lavadoras só cando estean cheos, elixindo as duchas en lugar dos baños longos, lavándose os dentes coa auga da billa pechada, etc.

De feito, aínda que Augas de Galicia non decretou a prealerta en Baiona por escaseza, si que establece medidas equivalentes a esa situación.

Actualmente, está decretado o nivel de prealerta en case unha trintena de municipios, dos sistemas do río Lérez (Barro, Bueu, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, A Estrada, Forcarei, Marín, Meaño, Moraña, Poio, Ponte Caldelas, Pontevedra e Sanxenxo); do río Grande (Cabana de Bergantiños, Camariñas, Laxe, Muxía, Vimianzo e Zas); e do sistema do río Anllóns (Arteixo, Carballo, Cerceda, Coristanco, Culleredo, A Laracha, Malpica, Ponteceso e Tordoia).

Nestes casos, recoméndase á poboación que faga un uso o máis responsable posible da auga, evitando actividades como o enchido de piscinas ou a rega con auga potable. Igualmente, recoméndanse “boas prácticas” domésticas, como a ducha no canto do baño, utilizar a función ‘eco’ dos electrodomésticos, ou o peche de billas cando non se necesita a auga.

A Oficina Técnica da Seca tamén aconsella aos concellos que estean en situación de prealerta que minimicen os consumos municipais que non sexan esenciais, como o baldeo de rúas ou a rega de parques e xardíns, entre outras medidas.

A maioría de concellos levan con medidas preventivas desde o pasado mes de agosto, unhas medidas que se manteñen. Así, moderouse o consumo municipal e recoméndase á poboación que faga un uso responsable do recurso.

SITUACIÓN EN VIGO

No caso de Vigo, que se abastece maioritariamente do encoro de Eiras (cun nivel de ocupación actual en torno ao 55 %), tamén se adoptaron medidas preventivas en agosto, aínda que non está declarada a situación de prealerta.

Segundo sinalou o alcalde, Abel Caballero, nunha gravación remitida aos medios, a ocupación do encoro a 1 de outubro do ano pasado era do 92 %, e agora é de 37 puntos menos, polo que “a seca continúa na cidade”. No encoro de Zamáns, por outra banda, o volume de auga embalsada é do 55 % (o 58 % hai un ano).

“Son niveis baixos, moi baixos, para ser 1 de outubro”, advertiu o rexedor, que apuntou que, fronte ás medidas adoptadas pola administración municipal, que inclúen a posta en marcha dunha nova potabilizadora, a Xunta non reduciu o caudal ecolóxico cara á presa de Eiras. Así, puxo en valor que o Concello se adiantou coas súas medidas e “está a responder con toda a forza”.

CRÍTICAS Á XUNTA

Non obstante, Caballero aclarou que quen ten que atender “o abastecemento en alta” é a Xunta, xa que os recursos hidráulicos son a súa “competencia exclusiva”, e criticou que a administración autonómica “non fixo nada”. “A Xunta de Galicia, desde que eu son alcalde, non fixo nada en relación ao problema que temos”, censurou.

O alcalde lembrou que se acordou con Xunta e Goberno de España construír unha nova presa, máis pequena, augas arriba de Eiras, “que non prexudica a ninguén”, pero o goberno galego non fixo nada. “Nós tomando decisións continuamente, e a Xunta ‘a velas vir’, de espectador, non fai nada”, insistiu.

“Eles son os que teñen que buscar as fontes de abastecemento e, por tanto, ter en conta que estamos nun momento en que o cambio climático viño para quedar. A Xunta de Galicia parece que son observadores”, afirmou o alcalde, que proclamou que “a Xunta de Galicia quere que Vigo quede sen auga”. “Rueda, igual que quería Feijóo, quere que quedemos sen auga”, denunciou.

PLAN PARA GARANTIR O ABASTECEMENTO

Neste contexto, xa a finais de agosto pasado, o goberno municipal dirixiuse á Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático para instarlle a retomar o proxecto para garantir o abastecemento de auga á área. Ese proxecto contempla, entre outras actuacións, unha captación no río Verdugo para transvasar auga a Eiras, a construción dunha nova presa e un transvasamento desde o Miño á presa de Zamáns, actuacións valoradas no seu momento nuns 67 millóns de euros.

A Xunta respondeu á carta do Concello olívico lembrando que a alternativa exposta non resolve os problemas existentes e, en todo caso, calquera actuación sería de tal envergadura e investimento que debe ser declarada de interese xeral e tramitada polo Goberno central.

ÚLTIMAS

Protesta en Vigo pola supresión do AVE en Sanabria: “Non o imos aceptar”

Medio centenar de veciños de Sanabria (Zamora) concentráronse este sábado en Vigo para protestar...

A Xunta urxe a Caballero a abordar as válvulas danadas da presa de Eiras

A Xunta de Galicia reiterou ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, a urxencia de...

Detidos dous veciños de Salamanca por estafa en compras ‘online’

O equipo de investigación tecnolóxica da Unidade Orgánica de Policía Xudicial da Garda Civil...

Vigo acende este sábado o seu Nadal con 12 millóns de luces

Vigo acenderá este sábado as luces de Nadal ás 20.00 horas baixo a árbore...