Nigrán contará cunha nova asociación cultural, Lucenza-Ateneo, que se estreará este venres 28 de xaneiro cunha homenaxe musicada ao poeta Daría Xohán Cabana. A cita terá lugar ás 20:00 horas no auditorio municipal e contará, entre as súas filas, ao presidente da nova plataforma, Xabier Méndez, xunto con algúns membros da entidade, explicarán ao público os obxectivos e actividades programadas nos vindeiros meses.
Segundo apuntan dende Lucenza-Ateneo de Nigrán, a homenaxe consistirá na lectura de varios poemas de Darío Xohán Cabana que se verá acompañada con música en directo. Actuará así Jorge Vilas á frauta traveseira e Adrián Lamek Méndez ao acordeón. “Animarase, así mesmo, aos veciños á participación nesta asociación e abrirase tamén un tempo de coloquio entre as persoas asistentes”, destacan.
A plataforma Lucenza – Ateneo de Nigrán botou a andar hai uns meses, “a partir do sentir compartido dun grupo de veciñas e veciños das diferentes parroquias de Nigrán”, que segundo apuntan consideraron conveniente poñer en marcha unha entidade sociocultural que se centre en organizar actividades a nivel municipal para beneficio de toda a veciñanza.
“O ateneo de Nigrán nace coa ilusión e co compromiso de convertirse nun espazo aberto, libre, plural e amigable, que dea cabida a todas aquelas persoas dispostas a cooperar, achegando o seu compromiso, o seu tempo, o seu coñecemento e as súas habilidades en beneficio da cultura, da xente e do territorio”, inciden.
Polo tanto, o obxectivo da plataforma é contribuír “modestamente” á escena cultural de Nigrán e solventar así certas “eivas” que se continúan a padecer no municipio, segundo apuntan. Aínda que Lucenza foi fundada a comezos do pasado ano, en tempo de confinamentos e dificultades para desenvolver actividade pública, leva xa uns meses poñendo en marcha as súas primeiras iniciativas, como o programa de andainas guiadas polo territorio ou a posta en marcha do Clube de lectura “Compartindo libros”.
Lucenza continuará a desenvolver durante este ano que comeza novas iniciativas e actividades, principalmente centradas en asuntos como a difusión da historia local, o coñecemento do territorio, concienciación e defensa do patrimonio, o medio ambiente e a paisaxe; a promoción da creación cultural e da cultura popular, actividades de lecer e socialización, a promoción do uso do galego, a abordaxe de debates que afectan á nosa xente, e calquera outras accións que axuden ao fomento do coñecemento e do pensamento crítico e democrático na sociedade.