InicioSucesosPenas de 4 a 8 anos de cárcere para tres dos acusados...

Penas de 4 a 8 anos de cárcere para tres dos acusados polo alixo de cocaína do ‘New Polar’

O cociñeiro cangués do pesqueiro admitiu que levaba 30 quilos de cocaína ocultos no pesqueiro, que recollera en Uruguai.

PUBLICADO O

- Advertisement -

A sección segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra ditou sentenza na que condena a penas de entre 4 e 8 anos de prisión a tres dos acusados polo transporte de 30 quilos de cocaína ocultos no pesqueiro ‘New Polar’ (entre eles ao cociñeiro, de Cangas do Morrazo), e absolve os outros tres procesados.

Así, o tribunal considera o cociñeiro do barco autor dun delito de tráfico de drogas, aplícalle a atenuante de confesión e condénao a 4 anos de cárcere e ao pago dunha multa de 600.000 euros. Así mesmo, condena ao destinatario da droga a 8 de cárcere e a pagar unha multa de 1,2 millóns de euros, ao ser reincidente; e impón 6 anos de prisión ao intermediario dos provedores da cocaína, así como multa de 1,2 millóns de euros.

Con respecto aos outros tres acusados, a Audiencia absólveos ao determinar a invalidez das probas contra eles, xa que se baseaban no envorcado de datos do teléfono do cociñeiro do barco, e non se puido asegurar a cadea de custodia do terminal nin garantir que non fose manipulado.

Precisamente por iso, o tribunal considera que non quedou acreditado que os acusados integrasen un grupo criminal, polo que resolveu absolvelos a todos con respecto a este delito.

TRANSPORTE DESDE URUGUAI

Segundo a sentenza, resulta acreditado que o cociñeiro do ‘New Polar’, que era confidente da Garda Civil desde uns anos atrás, recollera 30 quilos de cocaína aproveitando unha escala do barco en Montevideo (Uruguai), e que a ocultou no pesqueiro con intención de, unha vez de volta en España, entregarlla a un intermediario que xa pactara a venda ao destinario final.

O pesqueiro chegou ao porto de Cangas o 22 de maio de 2019 e o propio cociñeiro chamou aos seus contactos na Garda Civil para confesar que transportaba no barco esa droga e darlles indicacións de onde estaba. Así, o 24 de maio, axentes do Instituto Armado, con autorización do capitán do ‘New Polar’, accederon á nave e interviñeron a cocaína.

PRESUNTAS IRREGULARIDADES

Os maxistrados fan constar na súa sentenza que “sorprende” que os axentes que detiveron o cociñeiro non precintaron inmediatamente o seu teléfono e non se pode garantir a autenticidade dos datos que se obtiveron no posterior envorcado.

Esta irregularidade determinou o resultado do procedemento, xa que a Audiencia declarou nulas as intervencións telefónicas que se autorizaron en base a esa información, e acabou absolvendo a tres dos acusados.

Así mesmo, pon de manifesto que, durante o xuízo, estes dous axentes (un capitán e un sarxento da UCO) “incorreron en contradicións e ambigüidades, silenciando feitos de relevancia”. Así, remarca que o trato dado ao cociñeiro tras a súa detención “non se corresponde cos protocolos policiais”, que non aclararon cuestións relacionadas coa investigación, que tiñan información previa “de relevancia para a causa” que non achegaron, ou que mesmo se reuniron coa muller e a filla do procesado, ás que desvelaron parte das dilixencias secretas e ás que aseguraron que negociarían coa Fiscalía para pactar unha pena que non supuxese ingreso en prisión.

Por todo iso, a Audiencia decreta na súa sentenza que, unha vez sexa esta firme, se deduza testemuño da declaración presentada no xuízo por estes axentes, ambos os dous como testemuñas, “para o efecto da súa remisión ao Decanato dos Xulgados de Instrución de Pontevedra, por se puidesen incorrer ambos nun delito de falso testemuño”.

ÚLTIMAS

Papá Noel toma un ano máis as rúas de Vigo en moto

Miles de papanoeles en moto déronse cita, un ano máis, este sábado para percorrer...

OPINIÓN.- “A hemeroteca do Faro de Vigo: un patrimonio que debe ser accesible a todos”

A hemeroteca do Faro de Vigo é un tesouro cultural e histórico que contén...

Un vigués entre os 11 detidos por facer grafitis en trens de Cataluña

Unha operación conxunta entre Policía Nacional, Mossos d'Esquadra e Garda Urbana de Barcelona (GUB)...

Tres excarcerados tras o choque de dous vehículos na A-55 en Mos

Tres persoas tiveron que ser excarceradas nun aparatoso accidente entre dous coches ocorrido na...