Dúas persoas resultaron feridas este domingo despois de que explotase unha bombona no interior dunha vivenda de dous pisos na localidade pontevedresa de Baiona.
Segundo a información facilitada polo 112 Galicia, os feitos tiveron lugar na Igrexa, na parroquia de Baíña, ao fío das 16,15 horas. Nese momento, unha persoa contactou co servizo de emerxencias para alertar da explosión.
Con estes datos, os xestores da central de emerxencias, puxeron a situación en coñecemento dos servizos sanitarios, dos Bombeiros do Baixo Miño, do GES do Val Miñor, da Garda Civil e da Policía Local.
O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia comunicou que unha das persoas feridas sufriu queimaduras e tivo que ser trasladada ao Hospital Povisa de Vigo. Mentres, a outra persoa tamén foi evacuada ao mesmo centro sanitario por atoparse moi nerviosa.
Así mesmo, o 112 Galicia sinalou que o estalido da bombona provocou un incendio por un escape de gas, que deixou unha habitación calcinada por completo. Ademais, a estrutura da primeira planta quedou totalmente afectada.