Morre un home de 74 anos de idade tras caerlle unha árbore nas Neves

A vítima estaba acompañada polos seus fillos, ambos os dous xordomudos

Ambulancia / EP

Un home de 74 anos de idade, veciño das Neves faleceu na tarde deste venres tras vírselle enriba unha árbore cando estaba a realizar unha poda nunha zona forestal deste concello.

Segundo relataron fontes do 112 Galicia, os feitos sucederon sobre as 14,45 horas deste venres preto do campo de fútbol de Rubiós, na parroquia do mesmo nome.

A vítima estaba acompañada polos seus fillos, ambos os dous xordomudos, o que dificultou a súa comunicación co 112. Finalmente, a través do envío das coordenadas, o servizo de Emerxencias puido trasladar ao lugar unha ambulancia e un médico, que só puido confirmar o falecemento.

Á zona tamén se desprazaron efectivos da Garda Civil, que explicaron que o sinistro se produciu cando o home estaba a cortar un piñeiro. O 112 mobilizou igualmente, por se fose necesaria a súa intervención, os bombeiros do Porriño e ao GES de Ponteareas.