A Garda Civil procedeu a investigar penalmente a un veciño de Moaña por un suposto delito de malos tratos animais, acusado de amputar unha das extremidades anteriores dun can da súa propiedade.
Segundo relatou o Instituto Armado, a alerta de varios veciños que viron un can que camiñaba con dificultade pola zona da praia da Xunqueira no municipio de Moaña activou o protocolo de actuación da Patrulla do Servizo de Protección da Natureza de Cangas que se fixo cargo da situación.
Segundo o informe do Seprona, indican as mesmas fontes, “o animal fora retido por varias persoas cando o viron deambulando polas inmediacións da praia para evitar un posible atropelo”, dado que, engade a Benemérita, “camiñaba con dificultade debido a que tiña amputada unha das extremidades anteriores”.
Ao levantar a vendaxe que levaba o can na pata amputada comprobouse que tiña un corte recente, “xerando serias dúbidas de que fose feito por un profesional, debido á inflamación que presentaba o membro e á rudimentaria vendaxe que protexía a ferida”, destacou o Instituto Armado.
A través do microchip e das informacións facilitadas polos veciños púidose localizar o propietario do can que, despois de recoñecer que “lle amputou persoalmente” unha das extremidades anteriores debido a unha ferida que tiña na perna, foi notificado como investigado como presunto autor dun delito de malos tratos animais.
Pola súa banda, o can foi recollido por un membro da Protectora de Animais do Morrazo que puxo o animal en mans dunha clínica veterinaria para o seu tratamento.
As dilixencias instruídas en relación con estes feitos foron entregadas no xulgado de Instrución de garda de Cangas.