A Policía Nacional da Comisaría de Vigo detivo, ao longo da ponte festiva de agosto, a 15 persoas, en varios operativos, como supostos autores de diversos delitos de roubo (en domicilios, vehículos e establecementos comerciais).
Segundo informaron fontes policiais, a primeira detención produciuse de madrugada nunha barbaría da rúa Travesía de Vigo, onde unha dotación do 091 sorprendeu a un individuo apoiado no enreixado, en actitude vixiante.
Os axentes pasaron de longo e ocultaron o coche, para dirixirse ao lugar a pé. Ao chegar, viron como outro suxeito saía da barbaría arrastrándose por baixo do enreixado. Os axentes descubriron que levaban ferramentas nunha mochila para forzar portas, e tamén comprobaron que a persiana e a porta do local estaban rotas, polo que foron detidos.
Unha hora máis tarde, realizouse outro operativo nun concesionario de coches de alta gama na estrada de Camposancos, onde saltara a alarma. Neste caso, a Policía sorprendeu a dous individuos que se afastaban do lugar a fume de carozo, e que ían ao encontro dun terceiro, que estaba nunha furgoneta, coas portas abertas.
Os axentes descubriron que na parte traseira do vehículo os presuntos ladróns ocultaban dous motores novos, varias lamias, baterías e outros recambios, supostamente procedentes do concesionario, polo que os tres sospeitosos foron detidos.
Esa mesma noite, a Policía Nacional detivo a outras tres persoas (dous homes e unha muller), aos que interceptou nun coche circulando por Travesía de Vigo, tras recibir un aviso na sala operativa do 091 sobre un roubo cometido no Porriño.
Unha dotación policial localizou o coche que coincidía coa descrición facilitada e, ao revisar o seu interior, os axentes comprobaron que levaban varios obxectos que foran denunciados como roubados unha hora antes no Porriño.
OUTROS ROUBOS
Por outra banda, a Policía Nacional tamén detivo a un grupo de 5 mozos (dous deles menores de idade), tras recibir unha alerta sobre a presenza destes mozos en actitude sospeitosa, observando o interior dos coches aparcados na zona de Vía Norte e Escultor Gregorio Fernández.
A Policía localizounos e, ao cachealos, atopáronlles varios obxectos dos que non puideron acreditar a súa procedencia. Así mesmo, comprobaron que, nas inmediacións, había varios coches abertos, e co interior revolto.
Así mesmo, tamén foi detido un individuo ao que a Policía descubriu tentando roubar no interior dun coche, ao que fracturara un portelo. Finalmente, axentes da Policía Nacional desprazáronse a un domicilio do Camiño do Canizo, despois de que o seu propietario denunciase que sorprendera a un home na súa casa. O sospeitoso, ao velo, fuxira saltando un muro que rodea a leira.
Unha dotación do 091 localizou ao sospeitoso camiñando pola estrada de Valadares e, tras identificalo, procederon á súa detención. Dáse a circunstancia de que todos os detidos nestes operativos tiñan antecedentes policiais; de feito, algún deles acumula unha vintena de antecedentes. Ademais, a Policía localizou nas últimas horas un vehículo calcinado no monte Vixiador, e investiga a posible relación con varios roubos con forza.