InicioSucesosA Policía Nacional detén en Vigo e Redondela dous homes por presunto...

A Policía Nacional detén en Vigo e Redondela dous homes por presunto tráfico de drogas

A Policía Nacional detivo nos últimos días a dous homes en Vigo e Redondela como presuntos autores de senllos delitos de tráfico de drogas tras incautar case 40 gramos de cocaína e máis de 4.900 euros en efectivo.

PUBLICADO O

- Advertisement -

A Policía Nacional detivo nos últimos días a dous homes en Vigo e Redondela como presuntos autores de senllos delitos de tráfico de drogas, despois de intervirlles distintas cantidades de estupefacientes e máis de 4.900 euros en efectivo en dúas actuacións separadas desenvolvidas na área de Vigo.

Segundo informou este corpo policial nun comunicado, unha das intervencións tivo lugar o pasado luns 16 de marzo na zona de Bouzas, en Vigo. Alí, unha patrulla que participaba nun dispositivo de prevención da venda de substancias detectou un vehículo mal estacionado e dirixiuse ao seu condutor para proceder á súa identificación.

Foi nese momento cando, segundo a versión policial, o home tentou desprenderse dun paquete de plástico, lanzándoo ao chan coa intención de que rematase dentro dunha papeleira situada nas proximidades. Os axentes comprobaron que no interior dese envoltorio había 11 gramos de cocaína.

A actuación continuou cun cacheo de seguridade no que os policías atoparon 55 euros en efectivo que o detido levaba enriba. Ademais, no rexistro do vehículo foron localizados case 4.800 euros, unha cantidade que tamén foi intervida no marco da operación. A suma destes indicios levou á detención do condutor como presunto responsable dun delito contra a saúde pública.

A segunda actuación producírase días antes, o 2 de marzo, no municipio de Redondela. Nese caso, unha patrulla observou a un home no exterior dun coche estacionado, mentres no interior permanecía outro individuo que, segundo sinala a Policía, adoptou unha actitude de vixilancia ao advertir a presenza dos axentes.

Tras darlles o alto, os policías localizaron 16 envoltorios que contiñan arredor de 4,2 gramos de cocaína e 1,2 gramos de heroína, ademais de 125 euros en efectivo.

MÁIS DROGA XA EN DEPENDENCIAS POLICIAIS

A intervención en Redondela non rematou aí. Unha vez trasladado a dependencias policiais, os axentes atoparon outros 21 gramos de droga agochados na manga do individuo, segundo a información facilitada pola Policía Nacional.

Co conxunto do material intervido nas dúas operacións, o balance total ascende a case 40 gramos de cocaína, ademais da heroína localizada no operativo de Redondela, e a máis de 4.900 euros en efectivo.

Estas dúas detencións enmárcanse nos dispositivos de prevención e control da venda de substancias estupefacientes que a Policía Nacional vén desenvolvendo na área viguesa.

ÚLTIMAS

Caballero levará de novo ao pleno a proposta para que Xunta e Deputación financien voos desde Vigo

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que o Goberno municipal volverá presentar unha...

Flor Baena reclama ao Concello de Vigo unha homenaxe oficial ao seu irmán Xosé Humberto

Flor Baena, irmá do vigués Xosé Humberto Baena Alonso, reclamou ao Concello de Vigo...

A viguesa Vanessa Glemsel compite este sábado polo Premio Nacional de Poesía Viva

A poeta viguesa Vanessa Ferreira Rodríguez, coñecida artisticamente como Vanessa Glemsel, participará este sábado na...

As familias do EEI Vila Laura saen á rúa para esixir á Xunta unha profesora de apoio

Nais e pais, docentes e alumnos do EEI Vila Laura de Vigo saíron este...