A Garda Civil detivo a pasada semana a un home de 52 anos no barrio da Gándara, en Gondomar, que realizara varios disparos cunha arma de aire comprimido contra unha muller. Segundo trasladou o Instituto Armado, a intervención dun negociador da Garda Civil foi clave para resolver sen incidentes o operativo.
A denunciante afirmou que cando accedía a unha vivenda onde realizaba labores de limpeza un veciño efectuou dous disparos con balíns que pasaron a escasos centímetros do seu rostro. Durante a fuxida, a muller sufriu lesións de carácter leve e solicitou posteriormente unha orde de protección. Tras ter coñecemento dos feitos, a Garda Civil estableceu un dispositivo de vixilancia nas inmediacións do domicilio do sospeitoso. Posteriormente, o xulgado de garda de Vigo autorizou a entrada e rexistro na vivenda.
Debido á posible presenza de armas no interior do inmoble, despregouse un operativo reforzado no que a actuación do negociador foi clave, xa que o axente logrou establecer unha canle de diálogo co investigado, “rebaixar a tensión existente e garantir unha resolución segura, tras case dúas horas”. Finalmente, o home accedeu a entregarse de maneira voluntaria e facilitou a arma presuntamente utilizada, xunto coa munición.
