A Forza Aérea de Portugal publicou un informe no que detalla o accidente, en xuño do ano pasado, no que morreu o piloto galego Manuel Rey Cordeiro, de 62 anos. O documento incide en que o aviador efectuou os procedementos “axeitados” para abrir o paracaídas manualmente, pero que aquel día non tiña accionado un sistema de apertura automática do aparello. En concreto, o expediente luso menciona un sistema chamado “liña de vida”, que os autores do informe explican como unha conexión física entre a aeronave e o paracaídas que permite o seu accionamiento automático, “sen intervención do piloto”.
Por iso, tras analizar imaxes e o propio espazo do accidente, os investigadores apuntan que o uso da “liña de vida” no canto da apertura manual, posibilitaría que o paracaídas se abrise “preto de 1,1 segundos antes, a unha altura superior de 45 metros”. Para os investigadores, isto incrementaría a probabilidade de “apertura total do paracaídas” e posible supervivencia de Manuel Rey. “Efectivamente, na análise do local da caída, atopouse o paracaídas completamente extraído, pero sen evidencias da súa apertura“, subliña o documento. Ademais, a investigación do Gabinete de Investigacións de Accidentes Aéreos e Ferroviarios (GPIAAF) da Forza Aérea lusa afirma que o paracaídas de Manuel Rey “non estaba equipado con este tipo de mecanismo”, soamente o de “apertura manual”.
SEN CAUSAS MATERIAIS
Con todo, ao longo das súas 82 páxinas o expediente apunta que non houbo fallos materiais no avión e atribúe o accidente a un choque mentres que Manuel Rey tentaba retomar unha formación de voo. O aviador galego e outros cinco pilotos participaban nunha presentación o día 3 de xuño de 2024, na Base Aérea número 11, na cidade de Beja, cando se estrelou tras unha colisión no aire. O vigués formaba parte do grupo acrobático Yakstars, composto por seis pilotos, catro españois e dous portugueses. Un dos portugueses, mesmo, resultou ferido no accidente.
ACCIDENTE NA PENÚLTIMA MANOBRA
Segundo traslada o informe do GPIAAF, a presentación de Manuel Rey e os demais pilotos desenvolvíase “sen anomalías” ata a penúltima manobra, denominada de ‘Yaker Pass’. O informe describe que o piloto galego, na aeronave IAC-04, chocou contra o compañeiro do avión IAC-03 e consecuentemente a súa aeronave sufriu “danos catastróficos”. En calquera caso, o informe detalla que “non se coñecían antecedentes” de enfermidades que puidese sufrir Manuel Rey e que os exames toxicolóxicos non apuntasen a “alteracións relevantes” que indiquen o uso de medicamentos. Ademais, especifícase que a causa da morte do aviador galego foi politraumatismo, ou sexa, un conxunto de lesións graves.
