O informe preliminar da autopsia realizada ao corpo da muller achada este xoves nunha zona de maleza do polígono industrial das Gándaras, no Porriño, confirmou que foi vítima dunha morte violenta.
Así o trasladaron fontes da Comandancia da Garda Civil de Pontevedra, que explicaron que, unha vez ratificadas as sospeitas iniciais, iníciase unha “investigación criminal” para tratar de esclarecer as circunstancias desa morte e dar co autor ou autores dos feitos.
O cadáver foi identificado este venres, grazas ás impresións dixitais (e o recoñecemento por unha fotografía e unha tatuaxe), como Judith M.G., unha veciña de Vigo de 37 anos de idade, cuxa desaparición non foi denunciada. Fontes coñecedoras das pescudas sinalaron a axencia de noticias Europa Press que investigan se a súa morte ten que ver con algún asunto de drogas ou de prostitución. Polo momento, mantéñense abertas todas as hipóteses acerca da motivación deste crime, e o xulgado de instrución 3 do Porriño encárgase de coordinar as dilixencias.
O corpo foi descuberto de forma casual na tarde do xoves por un transportista que baixou do seu vehículo na zona e viuno. O cadáver, vestido con roupa escura e sen pertenzas ou documentación, estaba oculto detrás dun colector e dun peche de pedras dunha leira, entre a maleza.
Trátase, no entanto, dunha zona bastante concorrida por vehículos, especialmente polo día, xa que enfronte hai un taller, e pouco máis aló, a estación de ITV do polígono.
Aínda que a muller aparentemente non presentaba feridas, si tiña introducido un anaco de tea na boca, posiblemente un pano. Ademais, os investigadores ven plausible que a morte se producise noutro lugar e que o corpo fose trasladado e “depositado” onde logo foi atopado.
Tanto este xoves como este venres os expertos de Criminalística da Policía Xudicial da Garda Civil estiveron na zona realizando inspeccións oculares e recollendo vestixios que poidan achegar luz sobre este suceso. Entre o material recolleito está tamén o colector que había no lugar, e que será examinado.
MINUTO DE SILENCIO
Decenas de persoas gardaron un minuto de silencio na tarde deste venres no Porriño tras a aparición do cadáver dunha muller con signos de violencia no polígono industrial das Gándaras.
Veciños da localidade pontevedresa e toda a corporación municipal, encabezada polo alcalde, Alejandro Lorenzo, concentráronse a partir das 18,00 horas diante do Concello en recordo á vítima.
Na sede do goberno local estaba colgado un lazo negro xigante polo falecemento da muller, Judith M.G., veciña de Vigo de 37 anos de idade, cuxa desaparición non fora denunciada.
Lorenzo expresou a “tristeza” da noticia, esperando que a investigación da Garda Civil aclare o ocorrido. Tamén se referiu a que este sábado, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, todos as actividades no municipio levarán a cabo “coa maior reivindicación, máis que nunca”, xa que este suceso podería tratarse dun caso de violencia de xénero (a Garda Civil traballa con todas as hipóteses abertas).