Unha persoa resultou ferida este xoves en Mos tras envorcar co seu vehículo na autovía ao seu paso pola parroquia de Tameiga.
Segundo informou o 112, o servizo recibiu diversas chamadas de particulares ao redor das 9,30 horas para alertar do accidente, que ocorreu no quilómetro 12 e en dirección sur.
Xa no transcurso das primeiras chamadas os alertadores indicaron que o vehículo implicado dera varias voltas de campá antes de deterse envorcado sobre o asfalto. Tamén, que o seu ocupante conseguira saír ao exterior polo seu propio pé, tras o que foi atendido polos servizos sanitarios.
Neste operativo participaron o persoal de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, a Policía Local de Mos e os servizos de mantemento da autovía.
CORTE NA A-55 POR UN CAMIÓN AVARIADO
Doutra banda, ás 10,45 horas comunicóuselle ao 112 que un camión quedara avariado no quilómetro 11 da A-55, ao seu paso por Petelos, e obstaculizaba a circulación.
Desde o 112 informouse os Bombeiros do Porriño, ao GES, Policía Local e Protección Civil de Mos, á Garda Civil de Tráfico e aos servizos de mantemento da estrada.
Unha vez no punto, os axentes da Garda Civil de Tráfico procederon a cortar o carril afectado para proceder cos traballos de limpeza da vía, nos que participaron os Bombeiros e o GES, finalizando a súa intervención pasado o mediodía.
ATROPELO A UNHA EMBARAZADA EN VIGO
Por último, o servizo informou tamén dun atropelo a unha embarazada en Vigo, que foi alcanzada por un coche na avenida de Alcalde Lavadores. A implicada tivo que ser atendida polo persoal de Urxencias Sanitarias de Galicia-061
O servizo recibiu o aviso antes das 9,30 horas, cando unha condutora que estaba implicada no accidente chamou para detallar o acontecido: acababa de chocar por detrás con outro vehículo, que á súa vez impactou contra a muller ferida. Ademais dos servizos sanitarios, tamén se desprazou ao lugar a Policía Local.