InicioSucesosO xurado declara culpable de asasinato con dolo eventual ao acusado do...

O xurado declara culpable de asasinato con dolo eventual ao acusado do crime de Chapela

En base aos informes forenses, consideran por unanimidade que o acusado non tiña unha patoloxía psiquiátrica e que "discernía o ben e o mal" cando actuou.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O tribunal de xurado constituído na sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, declarou culpable de asasinato a Manuel M.B., xulgado por asfixiar ao seu provedor de cocaína no seu domicilio da parroquia redondelana de Chapela, en xaneiro de 2021.

O tribunal popular considerou probado por unanimidade que Manuel, na noite do 27 de xaneiro de 2021, chamou a Roberto C.P. para ir á súa casa a comprarlle cocaína e que levou consigo unhas luvas de latex e unha cinta de embalar. Tamén entende por unanimidade probado o feito de que o matou, e que logo lle atou mans e pernas e o atou coa cinta que levara.

Con respecto á aleivosía, a maioría do xurado (7 votos contra 2) considera que Manuel agarrou polo pescozo á vítima, desde as súas costas, sen que Roberto tivese posibilidade de reaccionar e defenderse. Así mesmo, pola mesma maioría determinaron que a patoloxía previa de laringe que padecía, xunto ao feito de que tiña comida na boca (estaba a cear no momento do ataque) e que se lle moveu a dentadura postiza, facilitaron unha asfixia máis rápida.

O xurado determinou que Manuel cometeu un asasinato con dolo eventual, é dicir, que aínda que non tivese intención de matar sabía que coa súa acción podería provocar a morte á vítima e aínda así non detivo esa acción.

ATENUANTES

No que se refire a as circunstancias modificativas da responsabilidade penal, o tribunal popular ve probada a atenuante de cooperación coa xustiza, porque Manuel indicou á Policía onde enterrara as chaves e o teléfono de Roberto, que levou da súa casa despois de asfixialo.

Por outra banda, e en base aos informes forenses, consideran por unanimidade que o acusado non tiña unha patoloxía psiquiátrica e que “discernía o ben e o mal” cando actuou. No entanto, a maioría de membros do tribunal entenderon que o seu trastorno de personalidade, con dificultades para controlar os seus impulsos, e a súa adicción á droga, puideron minguar levemente as súas capacidades.

Ao aplicarse dúas atenuantes, a Fiscalía, que inicialmente pedía 18 anos de cárcere por asasinato, tivo que rebaixar un grao a súa cualificación e, por tanto, tamén a petición de condena, de maneira que solicita que se lle impoñan 14 anos e 11 meses de cárcere.

A defensa, que pedía unha condena por homicidio imprudente, solicitou a pena mínima para asasinato con esas dúas atenuantes, de 7 anos, 6 meses e un día de prisión. O tribunal de xurado mostrouse desfavorable por unanimidade a que se lle conceda a Manuel M.B. a suspensión da execución da pena ou o indulto.

FEITOS

O asasinato de Roberto C.P. ocorreu na noite do 27 de xaneiro de 2021, e o seu corpo foi localizado o 30 de xaneiro. O acusado acudiu á súa casa a comprar droga e, como o seu provedor non lle quixo fiar, agarrouno polo pescozo por detrás e asfixiouno.

A continuación, atouno de pés e mans e o amordazó con cinta de embalar, e foise do domicilio, na parroquia de Chapela levando as chaves e o teléfono móbil da vítima, que logo escondeu nunha zona de monte.

Manuel M.B. foi detido a mediados de marzo de 2021, tras unha investigación na que as pegadas e o ADN nun anaco de luva que quedou baixo o cadáver, así como a análise das conexións de antenas de telefonía móbil, levaron á Policía ata el.

ÚLTIMAS

Familias e sindicatos manifestaranse para esixir profesores para alumnos ingresados en Saúde Mental no Cunqueiro: “Non nos queda outra”

Familias de Vigo planean unha manifestación para esixir á Xunta de Galicia profesores para alumnos ingresados...

Un accidente múltiple provoca colas quilométricas na AP-9 á entrada de Vigo

Un accidente múltiple, no que ata catro vehículos víronse implicados, provocou na tarde deste...

Un proxecto da UVigo realiza traballos na ‘raia’ para diminuír o risco de grandes incendios

O proxecto Firepoctep+, liderado pola Escola de Enxeñaría Forestal da Universidade de Vigo (UVigo),...

Convocada unha manifestación por Resposta Feminista polo 25N en Vigo para que “a vergoña cambie de bando”

Resposta Feminista, unha plataforma nada en Vigo coa vocación de convocar mobilizacións unitarias do...