A sección sexta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, ratificou unha sentenza do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 2 de Redondela pola cal se condenaba a un home a indemnizar ao seu exmuller con 34.980,15 euros como compensación económica polo “traballo realizado para a familia ao extinguirse o réxime de separación de bens”.
Segundo recolle a sentenza, á muller outorgóuselle a indemnización por colaborar no negocio familiar do seu agora exmarido ao longo do ano 2011, período no que traballou coa súa sogra na venda ambulante para “a liquidación do negocio familiar”. Tamén por efectuar varios cursos de formación entre xaneiro de 2012 e outubro de 2014.
“O xuíz de primeira instancia considerou que o custo do traballo efectuado por un terceiro, así como o grao de exclusividade da contribución da muller ao traballo no fogar, do que se deriva que lle impediu enriquecer o seu propio patrimonio con actividades alleas ao mantemento da familia, o que indubidablemente mellora a posición económica do outro cónxuxe, ou desde logo, non o empeorou”, recollen os xuíces na sentenza.
Agora, a Audiencia Provincial de Pontevedra confirmou a contía establecida para a indemnización, que se fixou tendo en conta o salario mínimo interprofesional (SMI), desestimando o recurso de apelación do exmarido. Contra a sentenza cabe interpor recurso de casación.