A consellería de Sanidade trasladou este luns á alcaldesa do Rosal o seu compromiso de reforzar a Atención Primaria neste municipio, considerado prioritario pola administración debido ao déficit de persoal causado pola baixa prolongada de dous dos tres médicos de familia cos que conta o seu centro de saúde, e anunciou, entre outras medidas, a ampliación de xornadas de persoal médico e farmacéutico para dar atención a esta localidade.
Segundo explicou Sanidade, o conselleiro, Julio García Comesaña, mantivo este luns un encontro coa rexedora do Rosal, Ánxela Fernández, no que lle explicou as limitacións de contratación de persoal facultativo e a falta de profesionais no mercado laboral. Así mesmo, manifestoulle que a Atención Primaria do Rosal é “prioritaria” para o Sergas, precisamente debido aos problemas que arrastra polas baixas dos médicos.
Tras reiterar a necesidade de que o Ministerio de Sanidade convoque de forma extraordinaria prazas MIR, ou que cre unha especialidade de Medicina de Urxencias (para aproveitar a totalidade de prazas de Medicina de Familia para formar a especialista neste ámbito), García Comesaña apuntou que a Xunta xa tomou algunhas decisións.
Así, sinalou que se creará unha nova categoría de facultativo especialista en Atención Primaria, cuxas prazas serán cubertas por concurso de méritos; e que se habilitará a categoría de técnico de saúde (licenciado en Medicina) para apoiar ao persoal médico de Primaria.
Estas medidas, explicou o conselleiro, aplicaranse “de forma preferente” para atender a situacións como as do Rosal. Polo momento, a Xunta estableceu “a única medida de reforzo” ofrecida polo Ministerio, que é a habilitación de contratación de reforzo de persoal médico xubilado.
O centro de saúde do Rosal contará co apoio dun médico xubilado que atenda de forma telemática aos pacientes. Tamén se contará con outras medidas complementarias, como a ampliación de xornada de persoal médico e farmacéutico (doutros centros).
AMPLIACIÓN DO CENTRO DE SAÚDE
Por outra banda, o conselleiro comunicou á alcaldesa que este centro de saúde “aparece recollido na fase 2 do Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria” e a administración decidiu “priorizar a reforma e ampliación” destas instalacións, que xa teñen 30 anos, e que actualmente non están adaptadas para incorporar novos profesionais e servizos.
Segundo García Comesaña, o centro de saúde ampliarase para dotalo con dúas novas consultas de medicina de familia, dúas máis de enfermaría, un despacho de Traballo Social, unha sala de técnicas, unha sala de infecciosos, melloras na área de Pediatría e na do persoal.
Antes de que finalice o mes de xaneiro, avanzou o titular de Sanidade, técnicos da Consellería trasladaranse ao Rosal para avaliar as posibilidades técnicas para levar a cabo estas obras de ampliación e mellora do centro.
MELLORAS “INSUFICIENTES”
Pola súa banda, a alcaldesa do Rosal trasladou ao conselleiro a “precaria” situación da atención sanitaria neste concello, no que actualmente hai traballando só unha médica de familia que chega a atender a 90 pacientes diarios, e no que, durante o período do Nadal, houbo días sen persoal facultativo.
Entre outras demandas, Fernández reclamou ao conselleiro de Sanidade “a volta do servizo de Pediatría” ao Rosal, o aumento de persoal (4 médicos, 4 enfermeiras/vos, pediatra e matrona) e a ampliación das infraestruturas actuais. “Non podemos esquecer que a precariedade xa existía antes da pandemia, e que agora se acentuou”, subliñou, á vez que criticou novamente o peche do consultorio de San Miguel.
Con respecto ás medidas de reforzo trasladadas por García Comesaña, a alcaldesa recoñeceu que mellorarán a situación con respecto á vivida en Nadal, pero “non son suficientes para ofrecer unha atención sanitaria de calidade”.
Finalmente, Fernández trasladou á Xunta a “total colaboración” do Concello do Rosal para facilitar a ampliación do centro de saúde, sempre que as obras se adapten ao Plan Xeral da localidade.