InicioSociedadePiden a dimisión da conselleira de Política Social polo estado "caótico" de...

Piden a dimisión da conselleira de Política Social polo estado “caótico” de DomusVi Bembrive

Familias e usuarios denuncian unha situación "desbordante" na residencia de maiores, onde se contabilizan 105 persoas usuarias contaxiadas, dun total de 150 residentes. Alertan sobre o risco de que esta situación se extenda a Aldán e Ribadumia.

PUBLICADO O

A asociación Vellez Digna vén de emitir un comunicado no que pide a dimisión “inmediata” da conselleira de Política Social, Fabiola García, por “non ser quen de velar polo cumprimento das medidas preventivas” e por “dar protección ás patronais e deixar indefensas as persoas usuarias” das residencias de maiores galegas.

A Xunta de Galicia e a empresa DomusVi, á que a administración entrega a xestión de varias residenciasen Galicia, regresan así ao foco das críticas en plena sexta onda da Covid pola xestión sanitaria da pandemia nestes centros, sobre todo, tras o coñecemento dun macrogromo que afecta a residencia DomusVi de Bembrive. Neste espazo, e segundo os últimos datos facilitados pola Consellería de Política Social, contabilízanse 105 persoas usuarias contaxiadas (dun total de 150 residentes).

“SITUACIÓN CAÓTICA”

Desde o movemento asociativo vinculado ás residencias de maiores denuncian que a situación dos centros xestionados por DomusVi, propiedade do fondo de inversión británico Intermediate Capital Group e do multimillonario Yves Journel, é “idéntica” á da primeira onda, salvo pola masiva vacinación que evita regresar ás cifras de mortalidade dos inicios da pandemia. A asociación Vellez Digna pon o foco no estado “caótico e desbordante” que sofre a residencia, con só unha enfermeira por quenda para atender tanto persoas contaxiadas como persoas non contaxiadas, segundo afirman nun comunicado de prensa.

A asociación denuncia, así mesmo, que DomusVi non cubre as baixas e que o centro se atopa baixo mínimos. “Non se respectan os cirtuítos limpo-sucio, faltan equipos de protección e as traballadoras de unidades Covid e de zonas limpas teñen que compartir vestiario, o que facilita a transmisión do virus”, sinalan. A única medida preventiva cumprida nestes dous anos, segundo a asociación, foi a de “limitar estritamente o acceso de familiares”, coa intención de “ocultar” a situación e dificultar as denuncias públicas. Alertan, así mesmo, do risco de que as residencias en Aldán e Ribadumia sigan o mesmo camiño, posto que “só se están facendo test a residentes que presentan síntomas” e “priorizan a ocultación sobre a prevención”.

PIDEN A DIMISIÓN DA CONSELLEIRA DE POLÍTICA SOCIAL

Todo isto, denuncian, “co consentimento” da Xunta de Galicia (concretamente de Sanidade e Política Social), á que sinalan directamente en tanto que propietaria da residencia. Así, acusan á administración de “inacción” e de mirar polos intereses de DomusVi. Vellez Digna critica que a conselleira de Política Social, Fabiola García, visitase a residencia de Bembrive nestas condicións “non para pedir explicacións ou investigar, senón para dicir que todo estaba ben”. 

“Dedícase a defender a DomusVi, non ás persoas enfermas”, sentenza a asociación. As familias din, pois, sentirse “perplexas” e pregúntanse “para quen traballa esta concelleira, se para residentes, para a cidadanía ou para DomusVi”. 

Por estes motivos, piden a dimisión “inmediata” da conselleira de Política Social para “frear esta sangría de contaxios”. Esixen igualmente que a Inspección de Política Social investigue estes gromos masivos en residencias, que se realicen probas a todas as persoas de centros nos que houbo algún positivo, que se sancionen as infraccións e, por último, que a Xunta “aparte a DomusVi das residencias e recupere a súa xestión pública”. 

Por último, Vellez Digna lembra “a responsabilidade que tamén ten a Xustiza en todo este asunto”, que, “non só non fixo nin unha soa actuación de oficio, senón que, ante as denuncias de familiares, limitou e impediu na práctica toda posibilidade de investigación do sucedido”, sinalan. “A súa actuación, xunto coa da Consellería de Política Social, supuso para ás residencias unha garantía de impunidade“, engaden.

INTERVENCIÓN PÚBLICA DAS RESIDENCIAS

Tamén a Federación de Familiares e Usuarias de Residencias e da Dependencia (REDE) se fixo eco desta situación. “Política Social habituouse a dar información dos casos positivos en residencias só una vez á semana, cada mércores, o que sitúa nunha evidente indefensión a moitos familiares e cidadáns que se ven orfos dunha comunicación clave para ter mellor perspectiva do estado real da pandemia nestes centros”, explica Paulino Campos, o seu presidente.

Por iso, piden á Xunta a intervención de DomusVi Bembrive e de Raiola O Hórreo, en Santiago, que suma 25 persoas usuarias contaxiadas. “Estes contaxios van producir mortes, por iso pedimos a intervención pública, para garantir a vida ao maior número de persoas maiores posibles, que sufriron un trato funesto nos últimos meses nestas dúas residencias”, sinala a Federación. 

Segundo os últimos datos ofrecidos pola Xunta o pasado mércores, 12 de xaneiro, as residencias de maiores de Galicia contan 412 positivos concentrados en 47 centros. En canto ás residencias de atención á discapacidade, os casos activos de Covid-19 aumentan a 11, concentrados en catro centros.

ÚLTIMAS

Chega aos Play Doc ‘Salvaxe, Salvaxe’ un filme ecoloxista galego premiado en Málaga

O filme galego ‘Salvaxe, Salvaxe’ chega a Galicia este mes de maio, despois de...

Encontrado o cadáver dunha muller dentro dun coche aparcado nun parking de Samil

O cadáver dunha muller foi achado dentro dun coche que estaba aparcado nun parking...

A oposición viguesa denuncia que Caballero veta o pronunciamento da Corporación sobre a saída sur e o AVE a Porto

Os grupos da oposición no Concello de Vigo denunciaron este mércores que o goberno...

Saen de prisión os tripulantes do MV Karar coa obrigación de comparecer quincenalmente

Os 14 tripulantes do MV Karar, interceptado en abril de 2020 cando navegaba cara...